Pasar al contenido principal

A Universidade de Verán 2017 da USC remata coa celebración de tres cursos do 4 ao 8 de setembro en Mondoñedo e Santiago

Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC
Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC

A programación da Universidade de Verán 2017 da USC chegará ao seu remate a próxima semana coa celebración de tres cursos estivais en Mondoñedo e Santiago de Compostela, actividades formativas para as que xa formalizaron a súa inscrición máis dun centenar de persoas.

‘O futuro do patrimonio cultural: O caso da cidade de Mondoñedo’ é o título do foro estival que se desenvolverá os días 4 e 5 de setembro na Casa da Xuventude do concello de Mondoñedo baixo a dirección dos profesores da USC na Facultade de Humanidades do Campus Terra Gonzalo Francisco Fernández Suárez e Ana Goy Diz. Este programa contabiliza un total de 26 persoas inscritas.

O luns 4 de setembro tamén comezará a desenvolverse no compostelá Colexio Maior Fonseca o curso ‘Slow Fashion, tradición artesá e innovación sostible’, un programa dirixido por Rocío Carregal e no que conta con máis de 60 inscritos, que desenvolverá as diferentes sesións programadas ata o 8 de setembro.

A última das propostas formativas incluídas na programación da Universidade de Verán 2017 da USC desenvolverase no Centro Ieside de Santiago de Compostela baixo o título ‘Contar a ciencia. Técnicas para a comunicación efectiva da ciencia por Big Van científicos sobre rodas’. Este foro estival, dirixido por Eduardo Sáenz de Cabezón e María Victoria Otero Espinar, está estruturado en 25 horas lectivas e conta con 30 persoas matriculadas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.09.2017.