Pasar al contenido principal

Accesibilidade, distribución da renda e pesca na Galicia cantábrica, liñas de investigación premiadas nos Valentín Paz Andrade

Imaxe de arquivo dun porto galego. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun porto galego. FOTO: Santi Alvite
O certame distingue cada ano artigos e teses de doutoramento que poñen o foco no coñecemento da realidade económico-social de Galicia e no establecemento de mellores políticas para o benestar da cidadanía
Santiago de Compostela

A décima segunda edición dos Premios Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia acaba de recoñecer tres estudos que abordan, respectivamente, a accesibilidade, a distribución da renda e a pesca na Galicia cantábrica. O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia convocan con carácter anual este certame que distingue traballos de investigación (artigos publicados e teses de doutoramento) que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social de Galicia e ao establecemento de mellores políticas para o benestar da cidadanía. 

Na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou editoriais recoñecidas, o xurado outorgou o premio ao artigo ‘Travel-time accessibility and adaptive spatial planning solutions for the healthcare system’ do que son autores José Balsa-Barreiro, Sérgio F.A. Batista, Gaby J. Hannoun e Mónica Menéndez, e que viu a luz este ano na revista npj Health Systems. O xurado destacou o seu rigor académico, a orixinalidade do seu enfoque e o interese das futuras liñas de investigación que abre. Resaltou a “utilidade práctica dos resultados da investigación presentada e a relevancia da súa contribución para o progreso do coñecemento da realidade socieconómica de Galicia en cuestións vencelladas ao avellentamento da poboación e o seu impacto sobre o territorio”. 

Na segunda categoría, relativa ás teses de doutoramento publicadas en calquera universidade, o xurado resolveu un ex–aequo ás teses tituladas A relación entre a distribución funcional e persoal da renda. Proposta metodolóxica e aplicación para España e Galicia no período 2007-2021, realizada por José Manuel Amoedo Meijide, e Pesca e negocio na Galicia cantábrica. De Cariño a Ribadeo entre o Catastro de Ensenada e o desestanco do sal, realizada por José María Leal Bóveda.

Da investigación realizada por José Manuel Amoedo Meijide, o xurado destacou o seu carácter pioneiro na investigación da distribución persoal da renda en Galicia, de “gran relevancia” para a mellor asignación de recursos e a consecución de cotas máis altas de equidade na sociedade galega, así como a solidez do enfoque metodolóxico empregado. Respecto á tese elaborada por José María Leal Bóveda, o xurado realzou a “utilización crítica e exhaustiva das fontes dispoñibles para modificar de maneira significativa a interpretación dun período da historia pesqueira e industrial de Galicia moi importante para entender a orixe e evolución da realidade socioeconómica do país”. 

Ditame

O xurado desta XII edición estivo composto polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, que o presidiu; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; o secretario do IDEGA, Manuel Fernández Grela, que actuou como secretario do xurado; o membro do Consello Científico do IDEGA Melchor Fernández Fernández; o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Martínez Varela; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán R. Doldán García; o profesor emérito da Universidade da Coruña Fernando González Laxe; e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Henrique Vázquez Vicente.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.12.2025.