A Fundación Rof Codina aproba o orzamento máis alto da súa historia
A Fundación Rof Codina desenvolveu este luns 15 a xuntanza ordinaria do seu Padroado. Nesta reunión aprobáronse o orzamento e o plan de actuación desta entidade para o ano 2026. O orzamento ascende a un total de 3.183.508,77 euros, o máis alto da historia da Fundación, e supón a consolidación da recuperación da crise que supuxo a pandemia.
O xerente Javier Ferreira valorou “moi positivamente o esforzo de todas as persoas que fan parte do HVU-Rof Codina, que permitiu que a facturación por servizos asistenciais prevista no orzamento de 2026 sexa un 32% superior á de 2024”. Cómpre salientar a positiva evolución cara ao autofinanciamento. Así, no orzamento do 2019 os gastos por actividades propias supoñían un 49,80% dos ingresos totais, prevéndose para 2026 que estes ingresos de actividades propias supoñan o 56% do total.
Tamén mereceu unha valoración positiva a constante implicación das administracións integrantes do seu Padroado xa que grazas á súa colaboración e desde o seu inicio pódese contar en Lugo cun Hospital Veterinario Universitario de referencia en España. Para o exercicio 2026 a achega da Xunta de Galicia será de 440.000 euros e 110.000 euros no caso de Deputación e Concello de Lugo. Na previsión de gastos destaca a contención no gasto corrente, a pesar de que se prevé aumentar a actividade asistencial, e a provisión de 276.500 euros para facer fronte aos eventuais pagamentos derivados da acta da inspección de Traballo de 2021.
Por unanimidade
Na reunión tamén se abordou o impacto que vai ter na actividade formativa de posgrao que se desenvolve no HVU-Rof Codina, o programa VIR, a aprobación do RD 1065/2025, de 26 de novembro, polo que se desenvolve o réxime do contrato formativo, previsto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro. Esta normativa vai implicar que no marco do actual programa VIR só se van poder especializar 7 veterinarios/as cando se estaban formando 11. O padroado acordou solicitar á Asociación de Hospitales Veterinarios Universitarios de España (AHVUE), que preside Antonio Cantalapiedra, director veterinario do HVU-Rof Codina, que dea traslado ao Ministerio da preocupación desta Fundación e do sector veterinario polos atrancos que este RD pode supor para poder ter unha formación especializada semellante ao MIR da medicina humana.
Por último, na xuntanza do padroado informouse de que en 2026, no HVU-Rof Codina, comezará a súa formación práctica o estudantado do Ciclo Superior de Formación Profesional de Técnico/a de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude. Unha ducia de estudantes deste centro realizarán 480 horas de prácticas remuneradas no Hospital realizando funcións de asistencia técnica veterinaria. O desenvolvemento deste programa terá un custo de 55.000 euros para a Fundación Rof Codina.