Os modelos de xestión do libro galego, a debate en Humanidades
Os modelos de xestión do libro galego centra a temática da sétima edición da Xornada de Xestión e Mediación Cultural, un foro monográfico que congrega este xoves máis de 40 participantes, entre asistentes e relatores, na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC.
O obxectivo destas xornadas, promovidas pola Facultade de Humanidades en colaboración coa Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo, pasa por achegar aos alumnos e alumnas de grao e máster da Facultade de Humanidades aquelas iniciativas recentes que, lideradas por xente nova e á marxe das grandes editoriais históricas, enfrontan os desafíos do mercado editorial do país: producir libros convincentes e queridos, vender e divulgar libros, financiar a publicación de libros.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, salientaron na apertura deste foro o crecente protagonismo do alumnado na organización desta actividade formativa, de marcada orientación práctica e ao abeiro da que se aborda, “de xeito integral e desde unha perspectiva global”, a realidade actual da xestión cultural e as posibilidades laborais e alternativas de emprendemento que ofrece este sector. O testemuño de diversos profesionais ligados á xestión cultural e nomeadamente ao mundo do libro é outro dos factores que enriquece esta xornada sinalaron.
Estruturada en mesas de debate e obradoiros prácticos, a VII Xornada de Xestión e Mediación Cultural da Facultade de Humanidades comezará cun táboa redonda sobre novos editores e editoras, modelos de negocio e novos mercados. Antía Otero, de Apiario; Xosé Antom Serem, de Através Editora; Isidro Dozo Valladares, de Catro Ventos, e Antón Lopo, de Chan de Pólvora, completan a relación de relatores que participarán nesta sesión.
As librarías tradicionais con xente nova á fronte será a temática da última sesión matinal da xornada. Neste caso, intervirán como relatores Antón Lopo, da Libraría Chan de Pólvora, Ángeles Valdés, de Gato Neghro; Gloria Fuertes, de Lectocosmos, e Carlos Coira, da Libraría Trama.
A xornada continuará en quenda de tarde cunha sesión sobre estratexias de financiamento editorial desde unha perspectiva práctica. Un obradoiro de micromecenados para proxectos editoriais serviu de colofón do programa.