Pasar al contenido principal

Expertos internacionais en seguridade alimentaria reúnense a próxima semana na USC

No proxecto Erasmus + Q-SAFE no ámbito agroalimentario

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC acollerá a vindeira semana a segunda edición do curso de Q-SAFE, un proxecto Erasmus + no ámbito agroalimentario que conta coa participación de sete universidades europeas e cuxo obxectivo é a formación de novos investigadores no eido dos modelos de predición, avaliación de riscos e análise de ciclo de vida.

A xornada inaugural do día 14 contará coas intervencións do científico da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (AESA) Stylianos Koulouris, que explicará a avaliación do risco para a seguridade alimentaria e a forma en que a EFSA a leva a cabo, e da titular da División de Seguridade de Anfaco-CECOPESCA Ana García Cabado, que se centrará na seguridade en relación coas toxinas mariñas, un tema de constante actualidade en Galicia. Esta primeira xornada será de asistencia libre aínda que se recomenda o rexistro en https://goo.gl/7XPuHv.

Ademais da USC, en Q-SAFE participan as Universidades de Birmingham (Reino Unido), Malta (Malta), Aristóteles de Tesalónica (Grecia) e Católica de Lovaina (Bélxica); o University College de Dublín (Irlanda); a Escola Nacional Veterinaria, Agroalimentaria e da Alimentación de Nantes (Francia); e Feiraco Sociedad Cooperativa Galega (España).

Nesta segunda actividade de ensinanza do proxecto –a primeira tivo lugar en Malta en 2015- unha vintena de estudantes de todas as institucións implicadas aprenderán a utilizar diversas ferramentas de simulación que son de aplicación en diversos aspectos das industrias alimentarias, desde a tecnoloxía dos alimentos ata a súa xestión e procesado.

Ao final desta asociación estratéxica os participantes terán unha comprensión máis clara das ferramentas cuantitativas para avaliar a calidade do produto, a seguridade, a intensidade de uso dos recursos e os impactos ambientais na industria alimentaria. Isto permitirá actividades de investigación sobre técnicas de control máis eficientes e eficaces, e promoverá a empregabilidade dos investigadores con altas competencias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.03.2016.