Un coloquio internacional aborda en Humanidades a cidade romana desde novas perspectivas e valoriza a herdanza de Lugo
O coloquio internacional ‘ In Roma na, per Italiam fusa, in provincias manat. A cidade romana no noroeste peninsular’, abordará os días 24 e 25 de outubro na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC a cidade romana desde distintas perspectivas, tal é como puxeron de manifesto este luns os profesores de Historia Antiga da USC e directores deste programa, Dolores Dopico e Manuel Villanueva, na presentación dun foro no que intervirán como relatores 19 profesores e investigadores procedentes de universidades e centros de investigación de varios países europeos.
A temática deste foro versará especialmente sobre o urbanismo, as infraestruturas e a paisaxe de dúas cidades romanas do noroeste peninsular, como o son Lugo e Braga , pero a través de perspectivas novas que permitan acadar unha visión de forma multidisciplinar. Antes de analizar os casos de Lugo e Braga, o programa deste coloquio ofrece na súa xornada inaugural unha reflexión sobre a xénese do mundo romano a partir do concepto de urbe e da idea de que a cidade é a estrutura básica ou esencial arredor da que se crea un Estado territorialmente amplo. Orientado á participación de estudantes universitarios e de posgrao, así como de docentes, investigadores e calquera persoa interesada na temática, este coloquio sobre a cidade romana no noroeste peninsular antóllase como unha iniciativa acaída “para poñer en valor a herdanza romana que aínda conserva en Lugo”, sinalou Villanueva O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, tamén participaron na presentación deste espazo de análise e debate que “contribúe a reforzar a crecente dimensión internacional do Campus Terra da USC”, sinalou Barreiro. O prazo de inscrición neste programa científico permanecerá aberto ata o 17 de outubro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula na páxina web da Facultade de Humanidades.