Pasar al contenido principal

A Escola de Relacións Laborais de Lugo celebrará un curso básico de Seguridade Social do 25 ao 27 de febreiro

A inscrición neste programa formativo, organizado en colaboración con MC-Mutual e o Colexio de Graduados Sociais de Lugo, está aberta ata completar as prazas ofertadas

A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo celebrará do 25 ao 27 de febreiro un curso básico de Seguridade Social, un programa formativo organizado polo centro universitario lugués en colaboración con MC-Mutual e co Colexio de Graduados Sociais que se desenvolverá en quenda de mañá, de 10.00 a 13.00 horas.

As persoas interesadas en participar nesta actividade formativa, orientada tanto a estudantes universitarios como ao público en xeral, poden formalizar a súa matrícula na secretaría da propia Escola de Relacións Laborais ou a través do enderezo de correo electrónico josefina.bergantinos [at] usc.es (josefina[dot]bergantinos[at]usc[dot]es). As prazas para asistir a este curso, no que tamén se poden inscribir nas sedes de MC-Mutual e do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. As prestacións da Seguridade Social, tanto no ámbito da empresa como do asesoramento profesional, así como a súa numerosa e complexa normativa reguladora, centrarán os eixes temáticos desta mova actividade formativa promovida pola Escola de Relacións Laborais de Lugo. Os relatorios nos que está estruturado este curso abordarán cuestións básicas, pero importantes, tales como o son os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais, incapacidade temporal e permanente, especificidades do RETA, sistema español de Seguridade Social e mutuas de AT e EP, asistencia sanitaria, prestacións familiares, morte e supervivencia, ou a protección do desemprego e o risco durante o embarazo e a lactancia. Avogados dos servizos xurídicos de MC-Mutual analizarán e explicarán no marco deste curso, desde un nivel básico e de forma práctica, a normativa que rexe este abano de prestacións. Os relatores afondarán en aspectos como son os requisitos, modalidades, o cálculo de importes, a duración das prestacións, as compatibilidades, ademais de todas aquelas cuestións que poidan ter unha maior relevancia e máis repercusión na empresa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.02.2014.