Pasar al contenido principal

O Máster Oficial en Dirección de Proxectos da USC bota a andar na Escola Politécnica Superior con 25 estudantes

Alumnos e docentes do Máster en Dirección de Proxectos, na Escola Politécnica Superior
Alumnos e docentes do Máster en Dirección de Proxectos, na Escola Politécnica Superior

O Máster Oficial en Direccion de Proxectos da USC botou a andar este xoves unha nova edición na Escola Politécnica Superior de Lugo cun total de 25 persoas matriculadas. O coordinador deste posgrao oficial da USC, o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e coordinador do Máster en Dirección de Proxectos, Carlos Amiama Ares e o director da EPS, Tomás Cuesta, presidiron a sesión inaugural deste nova edición do máster no transcurso dun acto no que tamén estivo presente a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, ademais dos alumnos e de profesores da titulación.

O Máster en Dirección de Proxectos ten un perfil profesional, aínda que tamén permite o acceso aos estudos de doutoramento. Trátase dun posgrao orientado a titulados que no desempeño da súa actividade profesional, descobren a necesidade de formarse na dirección de proxectos. Os seus contidos formativos abarcan as áreas de coñecemento recoñecidas polas dúas organizacións internacionais líderes neste campo: o Project Management Institute (PMI) e a International Project Management Association (IPMA). Este posgrao está dirixido a persoas con interese en formarse ou desenvolver competencias en Dirección de Proxectos, con independencia do sector ao que pertenza (desenvolvemento rural, agroenxeñaría, economía, obra civil, informática, I+D…). Asemade, tamén se trata dun programa de interese para titulados que están na procura de traballo, xa que é compatible a formación co desenvolvemento dunha actividade profesional. O plan de estudos deste posgrao, que xa vai pola súa sétima edición, está estruturado en tres módulos que fan un total de 60 créditos e cuxa temática versa sobre fundamentos da dirección de proxectos (30 ECTS), prácticas en empresas (15 ECTS) e un traballo final do máster (15 ECTS). A docencia do máster, no que este ano formalizaron a súa matrícula é presencial, e desenvólvese os xoves e venres en horario de tarde. As linguas empregadas na docencia son o galego e o castelán. O equipo docente do Máster Oficial en Dirección de Proxectos da USC conta no seu plantel con oito profesores da Área de Proxectos de Enxeñaría, pertencentes ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, con ampla experiencia docente e investigadora. Asemade, o máster conta coa participación de profesores alleos ao mesmo, todos eles poñentes de recoñecido prestixio que expoñen as súas experiencias como directores de proxectos en numerosas actuacións. Habilidades e competencias A finalidade deste máster é a adquisición por parte do estudante dunha formación avanzada, de carácter especializado e multidisciplinar, orientada á actividade profesional no ámbito da dirección de proxectos. Na actualidade asistimos a unha demanda profesional crecente de formación en dirección de proxectos nos diferentes sectores produtivos e de servizos.

Preténdese proporcionar aos estudantes unha formación técnica e metodolóxica avanzada e de calidade nos aspectos teóricos e prácticos que son de aplicación no ámbito da dirección de proxectos e, polo tanto, axudar á posta ao día de profesionais neste ámbito, así como tamén potenciar a súa especialización.

Lara Méndez, Tomás Cuesta e Carlos Amiama, na presentación do Máster en Dirección de Proxectos

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.09.2014.