A Biblioteca de Física presenta unha mostra bio-bibliográfica sobre a figura do científico estadounidense Kip S. Thorne, Premio Nobel de Física 2017, con motivo da súa visita á Facultade en maio

Con motivo da vindeira visita de Kip S. Thorne á Facultade de Física da USC, entre os días 6 e 12 de maio, a biblioteca do centro súmase ao evento organizando unha exposición sobre a vida e obra do investigador de Utah, galardoado co Premio Nobel de Física en 2017 xunto aos seus colegas estadounidenses Barry Barish e Rainer Weiss.
A mostra consta dun panel informativo que recolle unha breve biografía do homenaxeado, a súa actividade científica e, por último, diversas novas de prensa española e estranxeira recollendo textos da concesión do Premio Nobel de Física 2017. Ademais, a exposición presenta unha escolma de libros publicados por Thorne (como Modern classical physics, 2017) así como diversos artigos asinados polo investigador de Utah en publicacións do prestixio de Nature, Scientific American ou Physical review .
O luns 28 de abril terá lugar o acto de inauguración na sala de lectura ás 14:00 h. e contará coa presencia da decana da facultade, Elena López Lago, e co responsábel do Programa ConCiencia, o catedrático da área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada, Jorge Mira.
Poderá visitarse na sala de lectura da biblioteca do 28 de abril ao 16 de maio.