Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="http://assets.usc.gal/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
Aula da USC. FOTO: Santi Alvite
O III Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades baséase na actualización do diagnóstico de igualdade da USC e na avaliación do II Plan de Igualdade que fixeron visibles novas necesidades e desigualdades aínda presentes na comunidade universitaria.
O III Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC (2021-24) abrangue 6 áreas de actuación (Cultura institucional; Docencia, investigación e transferencia; Presenza, promoción e representación;  Conciliación corresponsable; Acoso e violencia de xénero; Condicións sociosanitarias no traballo), 9 obxectivos xerais, 21 específicos e 85 accións, cada unha asociada a indicadores que permiten avaliar a súa implementación, servindo, ao tempo, de guía para adoptar decisións que optimicen o seu desenvolvemento. Ademais, indícanse as unidades responsables da execución das distintas accións, implicando así a toda a institución nun exercicio de corresponsabilidade no seu progreso e mellora.
  • Para a consecución dos obxectivos do III Plan seguen a ter vixencia os principios de actuación da Universidade de Santiago de Compostela que marcaron a elaboración dos anteriores plans, aos que se suman outros que veñen reforzar o compromiso da nosa institución: responsabilidade social; igualdade, recoñecemento da maternidade e a paternidade como un valor social; conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral; presenza ou composición equilibrada en órganos e cargos de responsabilidade na Universidade; transversalidade de xénero; uso non sexista da linguaxe e da imaxe; investigación, innovación e docencia inclusivas; participación, xénero e igualdade.

    O proceso de elaboración do III PEIOMH desenvolveuse tendo en conta os resultados da avaliación do segundo así como a actualización do diagnóstico sobre a igualdade na USC, que nos levou a unha análise cuantitativa e cualitativa da situación de mulleres e homes na Universidade comparando cos datos de 2014-20 tendo en conta as 6 áreas de actuación do Plan: políticas da USC; formación, docencia e investigación; presenza, promoción e representación; conciliación e corresponsabilidade; acoso e actitudes sexistas; e condicións sociosanitarias no traballo.

    As principais conclusións desta análise sinalan os retos que enfrontará o III Plan:

    • Dotar a Oficina de Igualdade de Xénero de persoal técnico especializado.
    • Asignar un orzamento para o desenvolvemento do III PEIOMH.
    • Elaborar estudos monográficos sobre as fendas de xénero na nosa universidade: traxectoria académica e profesional, conciliación, retribucións, usos do tempo.
    • Velar pola utilización dunha linguaxe non sexista.
    • Potenciar o apoio ás comisións de igualdade de xénero creadas nos centros.
    • Acrecentarmos o número de doutoras honoris causa.
    • Consolidar a oferta formativa en xénero para o persoal e o alumnado.
    • Elaborar un diagnóstico sobre a incorporación da dimensión de xénero nas titulacións.
    • Visibilizar as achegas das mulleres na investigación.
    • Fomentar a inclusión da dimensión de xénero na docencia, na investigación e na transferencia.
    • Velar pola paridade nos distintos órganos de goberno e de representación.
    • Promover políticas que favorezan a conciliación e o avance na corresponsabilidade.
    • Potenciar o plan de comunicación do Protocolo de Prevención e Actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero.
    • Impulsar a implementación da avaliación de riscos psicosociais con perspectiva de xénero.
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2024.