Texto da Declaración de Política Erasmus incluído na solicitude de Carta Erasmus, Maio 2020.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) considera a internacionalización un elemento central da súa política institucional. O forte compromiso da USC coa internacionalización reflíctese no seu anterior plan estratéxico (2017-2020) que terá continuación na nova planificación estratéxica que está a ser formulada actualmente. O novo plan estratéxico de internacionalización dará máxima importancia ás principais actividades da USC: docencia, investigación e extensión e será deseñada para implicar a toda a comunidade universitaria.
Con máis de 500 anos de antigüidade e establecida en dúas Cidades Patrimonio da Humanidade (Santiago de Compostela e Lugo), a USC é unha universidade xeneralista de tamaño medio, moi recoñecida en Europa e o resto do mundo. Por iso, os factores máis importantes que consideramos á hora de definir a nosa proxección internacional son a calidade, a afinidade académica e o beneficio esperado para toda a comunidade universitaria. As colaboracións de longa duración e a participación en redes universitarias (como o Grupo Compostela de Universidades) forman parte da nosa bagaxe máis apreciada.
A política internacional da USC concéntrase en tres eixos de actividade principais: programas de mobilidade, captación de estudantado estranxeiro e participación en proxectos internacionais de investigación e cooperación. A mobilidade de todas as persoas que estudan ou traballan na USC será un dos obxectivos principais da nosa estratexia de internacionalización. Durante os últimos anos a USC ocupou unha posición prominente entre as universidades españolas na execución de programas de mobilidade, tanto desde un punto de vista do envío como da recepción de alumnado, persoal de investigación, PDI e PAS. Os nosos programas de mobilidade estiveron enfocados principalmente cara a países da UE, a través de Erasmus+ KA103, e de América Latina, a través de diversos convenios bilaterais. Así mesmo, mobilizamos un número importante de persoas noutras universidades españolas, mediante o programa SICUE, e en universidades de todo o mundo, fundamentalmente a través da nosa participación en Erasmus+ KA107 e por medio de convenios bilaterais.
O obxectivo da nosa participación en Erasmus+ é cumprir coas prioridades do Espazo Europeo de Educación. Consideramos que cursar parcialmente os estudos noutro país debería ser a norma para os estudantes europeos e levamos traballando desde hai anos para ofrecer ao estudantado esta posibilidade, a ambos, ao estudantado saínte e ao entrante. Para iso desenvolvemos un sistema que facilita o recoñecemento automático de cualificacións, unha oferta específica para a aprendizaxe do español e o galego e unha contorna que posibilita o achegamento á nosa cultura como parte da identidade europea, o patrimonio cultural europeo e a diversidade.
O estudantado, especialmente de grao, representa o maior volume de mobilidades na USC, o cal demostra que unha das maiores fortalezas de Erasmus+ é a súa contribución a unha formación de excelencia do estudantado europeo e á construción dunha Europa unida. Por iso a maior parte dos nosos recursos irán destinados proporcionar estruturas adecuadas e o apoio necesario para manter este tipo de mobilidade. Con todo, realizaremos un esforzo especial no noso plan estratéxico para incorporar máis persoas doutorandas a todos os programas de mobilidade nos próximos anos. A EDIUS (Escola de Doutoramento Internacional da USC), recentemente creada, proporcionará os medios para promover a participación en programas de doutoramento internacional, acordos de co-tutela etc. Tamén tentaremos impulsar a participación de estudantes de máster nos programas de mobilidade, neste caso, principalmente, por medio da creación de títulos internacionais conxuntos. A estrutura académica da maioría dos nosos programas de máster (60 ECTS, un curso académico) supoñen un impedimento para a mobilidade. A pesar de que seguiremos promovendo o establecemento de convenios que faciliten a mobilidade deste estudantado, consideramos que debemos desenvolver ambos os tipos de iniciativa para aumentar a internacionalización do noso estudantado de máster. Finalmente, tamén promoveremos a mobilidade para realizar prácticas, tanto en Europa como no resto do mundo.
A mobilidade Erasmus “tradicional” demostrou ser unha experiencia de aprendizaxe inigualable para os participantes, que tiveron a oportunidade de mellorar a súa bagaxe académica e tamén o coñecemento da lingua e cultura do país de destino. No caso dos nosos participantes entrantes non só proporcionámoslles unha adecuada proposta académica, de investigación ou de prácticas, senón que tamén lles facilitamos a participación na vida cotiá de dúas cidades históricas situadas na meta do Camiño de Santiago, cunha cultura antiga e un idioma co-oficial propio, o galego. Ademais, tanto Santiago de Compostela como Lugo son cidades pequenas, cunha porcentaxe de estudantes moi elevado entre a súa poboación, e por tanto cun ambiente estudantil destacado que se ve enriquecido coa presenza de estudantado internacional. Os participantes entrantes contribúen decisivamente ao que se coñece habitualmente como “internacionalización en casa” que permite traer algúns dos beneficios da internacionalización ao estudantado e persoal propio da USC.
Con todo, e a pesar do noso compromiso coa mobilidade “tradicional”, tamén consideramos que debemos aproveitar os cambios importantes que supuxo para a mobilidade a propagación mundial da COVID-19. Neste sentido, o noso plan estratéxico incluirá tamén programas de mobilidade virtuais ou combinados. Por suposto, non consideramos que sexan unha alternativa á mobilidade “tradicional”, senón un complemento para reducir o custo e tempo das mobilidades e tamén para achegar algúns dos beneficios da mobilidade a aquelas persoas que non poden ou queren desprazarse fisicamente a outra universidade. Na actualidade estamos a traballar activamente no establecemento de acordos e propostas que nos permitan mellorar este tipo de mobilidade, que supón unha parte importante da nosa política internacional no futuro próximo.
O segundo aspecto fundamental que consideramos no noso plan estratéxico é a captación de estudantado internacional para realizar programas de estudo completos na USC. Este estudantado proporciona beneficios similares aos estudantes de mobilidade tanto á USC como ás cidades onde esta se sitúa. Ademais, este estudantado axudaranos a aumentar o número de alumnos nos nosos másteres e programas de doutoramento. Así mesmo, a súa contribución á internacionalización en casa dos nosos programas de máster é impagable.
Finalmente, a USC tamén ten unha ampla experiencia en cooperación internacional con institucións de educación superior de todo o mundo. Actualmente, temos enraizados vínculos con moitas universidades europeas, pero tamén con universidades de Oriente Medio, Asia Central, China, América Latina e outras rexións. Estes vínculos foron establecidos a través da participación en asociacións estratéxicas, alianzas para o coñecemento ou proxectos de desenvolvemento de capacidades principalmente. Reforzamos o noso compromiso para participar neste tipo de iniciativas no noso plan estratéxico e creado unha nova oficina encargada da coordinación de todos os proxectos internacionais nos que participa a USC.