Skip to main content

A Fundación USC Deportiva e Xuntos celebran un obradoiro de técnicas de relaxación o 26 de abril e o 10 de maio en Veterinaria

A Fundación USC Deportiva, en colaboración coa spin-off Xuntos, Atención Psicolóxica y Psiquiátrica, celebrarán os vindeiros días 26 de abril e 10 de maio un obradoiro de técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde. Esta actividade, que se celebra por vez primeira no campus de Lugo, desenvolverase ao longo de súas sesións, en quenda de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas, nas instalacións da sala de actividades deportivas da Facultade de Veterinaria.

O obradoiro, aberto á participación dun grupo de entre 10 e 20 persoas, está dirixido a calquera persoa interesada no coñecemento destas técnicas e en profundar na temática que abordará o curso, así como na adquisición das ferramentas que proporciona para poñelas en práctica e aplicalas aos estados de ansiedade. Os contidos serán principalmente de carácter práctico e resaltarán os beneficios que comportan as técnicas de relaxación e a meditación, como a redución significativa do estrés, a mellora da capacidade de concentración e atención, así como da respiratoria, o fortalecemento das relacións tanto persoais como familiares e sociais ou a sensación de benestar físico e psicolóxico, axudando na recuperación de distintas doenzas. Patricia Otero, doutora en Psicoloxía Clínica, e Amancio Rial, que leva máis de doce anos impartindo ensinanzas de Tai chi, Kung fu, técnicas de meditación e danza no Club Deportivo da Universidade de Santiago e actualmente na Fundación USC Deportiva, serán os docentes encargados de impartir este curso en Lugo. O prazo de inscrición neste obradoiro de técnicas de relaxación e meditación como ferramentas de saúde permanecerá aberto ata o 21 de abril. As persoas interesadas deberán cumprimentar un formulario que xa está dispoñible na web da Fundación USC Deportiva, ademais de pagar os 150 euros que custa a inscrición.

The contents of this page were updated on 04.04.2014.