Skip to main content

A asociación estudantil Meiga conmemora o Día Mundial da Saúde cunha serie de actividades gratuítas dirixidas á vixilancia da saúde

Ao longo de todo o sábado instalarán unha carpa no paseo central da Alameda na que se realizarán actividades educativas así como medicións de tensión arterial, glucemia, grupo sanguíneo ou da tensión...

A asociación Meiga da Facultade de Medicina da USC instalará este sábado 5 unha carpa no paseo central da Alameda na que se realizarán dende as 10.00 horas e ao longo de todo o día de xeito gratuíto, actividades de educación sanitaria sobre temas como a saúde da pel, saúde visual, dietas saudables, autoexploración de mama, saúde sexual, valoración da dependencia ao tabaco e alcohol, probas de alerxia ou actividades de primeiros auxilios. Esta será a actividade central que Meiga organiza co gallo da celebración o próximo 7 de abril do Día Mundial da Saúde e a conmemoración do aniversario da fundación da Organización Mundial da Saúde. O tema escollido para este ano serán as Enfermidades transmitidas por vectores, como os mosquitos, os flebótomos, as chinches, os carrachos ou os caracois, responsables da transmisión dunha ampla gama de patóxenos que afectan ao ser humano ou aos animais. Na xornada do sábado, ademais das actividades pedagóxicas, realizaranse determinacións de tensión arterial, glucemia, índice de masa corporal, grupo sanguíneo e medición de tensión ocular (glaucoma). As persoas interesadas poderán informarse tamén sobre distintas enfermidades como diabetes, enfermidade de Alzheimer, enfermidade celíaca ou neuromusculares, dano cerebral, hiperactividade infantil, fibromialxia e trastornos de personalidade entre outras. Para os máis cativos haberá unha área especial de xogo educativo, denominado Hospital de Osiños, onde os/as máis cativos/as poden disfrazarse de médicos/as e coidar dos osiños enfermos. A intención é que os nenos e nenas perdan o medo á bata branca ao tempo que aprendan máis sobre o seu corpo e a saúde. A inauguración oficial do evento celebrarase a partir das 11.30 horas coa asistencia do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; do decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal Otero; o xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde Remeseiro; ademais dunha representación da Asociación Galega de Medicina Familiar e da Sociedade Galega de Endrocrinoloxía. Como novidade fronte á edición do pasado ano, incorpóranse unha clase de Zumba e outra de Capoeira, que se celebrarán gratuitamente ás 12.00 e ás 18.00 horas, respectivamente, no Multiusos Fontes do Sar ou Complexo Deportivo Santa Isabel.

Coa celebración do Día Mundial da Saúde preténdese aumentar a concienciación sobre a amenza que supoñen os vectores e as enfermidades vectoriais e animar ás familias e ás comunidades a que adopten medidas de protección. Os promotores da iniciativa destacan que na actualidade as enfermidades vectoriais empezan a sobrepasar as súas fronteiras tradicionais, non estando os habitantes dos países desenvolvidos a salvo delas.

The contents of this page were updated on 06.22.2023.