O Ciclo de Cinema Catalán proxecta Fènix 11*23 e La lapidation de Saint Étienne
Logo das dúas primeiras sesións celebradas o pasado mes, o VI Ciclo de Cinema Catalán completará o seu cartel coas proxeccións previstas para este xoves 24 e o venres 25. Trátase dunha iniciativa organizada pola Área de Catalán do Departamento de Filoloxía galega que presenta un cartel de filmes recoñecidos e premiados en distintos festivais que comparten como nexo temático a denuncia social. Deste xeito, Fènix 11*23 de Joel Joan e Sergi Lara proxectarase o xoves 24 e La lapidation de Saint Étienne de Pere Vilà i Barceló o venres 25, nunha xornada de clausura na que está prevista a participación do catedrático de Historia do Cine, Ángel Luis Hueso. Ambas as dúas proxeccións, en versión orixinal subtitulada e enmarcadas cunha breve presentación e coloquio, son de entrada libre e comezarán ás 19.00 horas na Facultade de Filoloxía.