Dous alumnos da USC realizarán unha estadía o vindeiro ano na Universidade Prefectural de Aichi
Javier Mouzo Trillo e Raquel Fernández Piñeiro, estudantes da Facultade de Xeografía e Historia, gozarán de cadansúa bolsa de 80.000 iens mensuais financiadas pola Japan Student Services Organization (JASSO) do goberno de Xapón para cursar estudos na Universidade Prefectural de Aichi durante o próximo curso 2014-2015. A Universidade de Aichi conseguiu fondos de JASSO para incentivar a mobilidade estudantil internacional ao abeiro do convenio bilateral asinado entre as dúas universidades en setembro do 2013. Para desenvolver o acordo, a USC convocou a comezos de ano dúas prazas adicionais ao programa bianual de mobilidade de estudantes por convenio bilateral a través das que foron seleccionados Javier Mouzo e Raquel Fernández, quen previsiblemente iniciarán a súa estadía en Aichi no mes de outubro próximo. De cara a preparar a súa estadía, os bolseiros ademais de recoller as súas credenciais participaron nunha xuntanza preparativa con persoal do Centro de Linguas Modernas da USC, da Oficina de Relacións Exteriores así como dunha representación da Universidade de destino. O encontro versou sobre temas de interese para a súa preparación de cara á mobilidade, a vida práctica en Xapón e os estudos en Aichi.