Skip to main content

Harald zur Hausen reuniuse con investigadores da USC cos que falou sobre a busca de cancros vinculados a infeccións

De esquerda a dereita, Juan Bautista Zalvide, Francisco González, Harald zur Hausen e Jorge Mira. Foto: Mario LLorca
De esquerda a dereita, Juan Bautista Zalvide, Francisco González, Harald zur Hausen e Jorge Mira. Foto: Mario LLorca

Un encontro con investigadores do Centro de Investigación de Medicina Molecular e enfermidades Crónicas da USC (CIMUS) e expertos do Complexo Hospitalario Universitario pechou o programa da visita do premio Nobel Harald zur Hausen a Santiago. O científico, que veu invitado polo programa ConCiencia, estivo acompañado polo director desta iniciativa de divulgación científica Jorge Mira e o profesor de Fisioloxía Juan Bautista Zalvide, que actuou como padriño do Nobel. O científico do German Cancer Research Centre da Universidade de Heidelberg en Alemaña falou sobre a busca de cancros vinculados a infeccións, o campo no que desenvolveu a súa carreira investigadora e que lle fixo gañador do premio Nobel en 2008 e difundiu ánimo entre investigadores e poboación en xeral na loita contra o cancro ao asegurar que ao redor do 20% deles poden estar causados por infeccións víricas ou doutro tipo. Zur Hausen defende o uso da vacina do papiloma humano, que se desenvolveu como consecuencia da súa investigación que vinculou por primeira vez unha infección -o papilomavirus- cun tipo de cancro –o de colo de útero-. Aos expertos oncólogos e xinecólogos cos que mantivo o encontro recomendoulles tenacidade nas súas investigacións e puxo como exemplo o caso das súas investigacións sobre o papilomavirus que nun inicio foron en contra do estipulado pola comunidade científica. A visita de zur Hausen encádrase na novena temporada do programa de divulgación científica ConCiencia e incluíu unha conferencia aberta ao público para difundir o traballo do investigador alemán. Grazas a esta iniciativa visitaron a USC reputados investigadores como o John Nash, Heinrich Rohrer, Torsten Nils Wiesel, Richard R. Ernt, Michael Atiyah, Frank Wilczeck, Peter Lax e así ata máis dunha trintena de especialistas galardoados con premios Noble, medallas Fields, Premio Abel ou Turing, entre outros. A xuntanza cos investigadores celebrouse no Aulario Novoa Santos. Foto: Mario LLorca Harald zur Hausen pronunciou a conferencia 'A busca de cancros vinculados a infeccións' no Auditorio Novagalicia banco. Foto: Santi Alvite O Nobel flanqueado, entre outros, por Juan Casares e Juan Viaño momentos antes do inicio da conferencia. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 05.22.2014.