Skip to main content

A USC conmemora a Semana da Integración cun completo programa de actividades

A USC conmemora a Semana da Integración cun completo programa de actividades
A USC conmemora a Semana da Integración cun completo programa de actividades
No marco do proxecto de apoio a persoas refuxiadas UNINTEGRA

A Universidade de Santiago de Compostela celebrará entre os días 12 e 21 de xuño a Semana da Integración, no marco do proxecto de apoio a persoas refuxiadas UNINTEGRA que coordina o Servizo de Relacións Exteriores da USC. O obxectivo deste proxecto é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.

A Semana da Integración arranca o vindeiro mércores 12 de xuño ás 20:00 horas coa inauguración da Exposición PERSOAS, de Patricia Muñiz e Gabriel Tizón, na Sala de Artesoado do Colexio de Fonseca . A mostra permanecerá aberta desde o 12 de xuño ata o 13 de xullo de 2019.

O xoves 13 terá lugar a mesa redonda ‘Encontro’, coa participación dunha serie de mulleres que, a través da súa experiencia directa ou de apoio a outras, amosarán a situación da solicitante de asilo e refuxiada, dando visibilidade á súa problemática específica e explorando horizontes de cooperación para a súa integración na sociedade de acollida. Esta actividade, programada para as 19:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, estará moderada pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo Moledo. A actividade contará coa participación da presidenta do Grupo Parlamentario Saharaui no Parlamento Africano, Suelma Beiruk; a encargada de SAWT, asociación sirio-galega en pro das persoas refuxiadas sirias en Galicia, Fadile Tibisay, e Katherin A. Belgrave, solicitante de asilo procedente de Venezuela.

Durante a segunda semana do evento, o día 18 de xuño, terán lugar as conferencias ‘ Xeopolítica e refuxiados ambientais: un encontro cara ao desastre’ impartida por José Julio Fernández Rodríguez, director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) da USC, e ‘Intervencións sanitarias en rescates de misións humanitarias en Frontex (Axencia Europea de Fronteira e Costas)’ a cargo de Miguel Ángel Iglesias Blanco, capitán enfermeiro da Garda Civil e xefe do Servizo de Asistencia Sanitaria da Comandancia de Lugo.

O elenco de actividades pecharase o venres 21 coa conferencia ‘Haití, terra de loita e vulnerabilidade’, impartida por Ana Isabel Martín, arquitecta especialista en cooperación internacional e colaboradora en diferentes ONGs coma Cruz Vermella e Arquitectura sen Fronteiras, e Michael Salvini, experto en Relacións Internacionais e cooperante na reconstrución de Haití. A este relatorio seguiralle a mesa redonda ‘Desde a realidade’ coa participación engadida de Patricia Muñiz, arquitecta especialista en vivendas para refuxiados e desprazados internos, e Gabriel Tizón, fotógrafo con máis de 20 anos de experiencia reflexando as realidades máis próximas do ser humano. Nesta sesión proxectarase ademais o documental ‘El Sueño Europeo: Serbia’, producido polo xornalista independente, especializado en Dereitos Humanos e realizador Jaime Alekos.

A Sala Numax acollerá tamnén una ciclo de cine, composto tanto por filmes de ficción e documental, todos eles sobra a realidade das persoas refuxiadas.

UNINTEGRA UNINTEGRA é un proxecto cofinanciado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC, que se puxo en marcha a finais do 2017. O seu obxectivo é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.

The contents of this page were updated on 06.07.2019.