Skip to main content

Especialistas na análise do inglés oral reúnense a vindeira semana en Filoloxía no Congreso internacional ICSE2014

O Congreso internacional ICSE2014 (International Conference on Spoken English: Descriptive and Applied Perspectives) celebrarase a vindeira semana na Facultade de Filoloxía, entre os días 4 e 6 de xuño, onde se reunirán especialistas no eido da análise do inglés oral nas súas múltiples facetas teóricas e aplicadas. O encontro organízao o grupo de investigación Spertus, equipo da USC especializado na investigación o inglés falado, pertencente ao Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC e membro da rede de investigación ELC (English Linguistics Circle). O elenco de temas a tratar inclúe, entre outros, as diferenzas entre o inglés oral e o escrito, as características lexicogramaticais do inglés oral, marcadores e outros fenómenos pragmático-discursivos propios do inglés na súa variante falada, a importancia da multimodalidade, as variedades de inglés falado, o ensino do compoñente oral na clase de inglés como lingua estranxeira, a comunicación en ámbitos profesionais ou o deseño de materiais e métodos para o estudo do inglés oral, entre outros temas. As sesións plenarias do congreso correrán a cargo de especialistas de renome nacional e internacional, como Juana Marín Arrese (Universidade Complutense, Madrid), Anna Mauranen (Universidade de Helsinki), Sagrario Salaberri (Universidade de Almería) e Sali A. Tagliamonte (Universidade de Toronto). Os eventos académicos inclúen ademais multitude de relatorios, pósteres e obradoiros. Durante o período de celebración do congreso haberá unha exposición bibliográfica de materiais relacionados co tema do mesmo. As persoas interesadas en participar no congreso poden facelo inscribíndose na web do congreso. Estudantes e profesores das universidades do Sistema Universitario Galego dispoñen de tarifas reducidas.

The contents of this page were updated on 05.26.2014.