Skip to main content

Unha investigación de ADE destaca dous métodos válidos para a valoración contable de activos biolóxicos en empresas agrarias

Manuel Veiga Carballido, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo
Manuel Veiga Carballido, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo
O profesor Veiga Carballido recolle estas achegas nunha tese de doutoramento dirixida por Jesús Pereira e presentada este venres no salón de graos da facultade luguesa

Unha investigación desenvolvida por Manuel Veiga Carballido, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, propón dúas metodoloxías diferentes para realizar una valoración contable dos activos biolóxicos en empresas e explotacións agrarias, unha baseada no valor de mercado dos referidos bens e outra que atinxe a todos os parámetros que a ter en conto nos custes de formación dos mesmos.

As achegas feitas neste eido polo profesor Manuel Veiga Carballido están recollidas na súa tese de doutoramento, unha investigación desenvolvida baixo o título ‘Métodos contables pra a valoración contable de activos biolóxicos en empresas agrarias’ e dirixida polo tamén profesor da USC Jesús Pereira López, na que o seu autor tamén explica algunhas das claves diferenciais entre empresas e explotacións agrarias. Manuel Veiga Carballido expuxo na defensa da súa tese de doutoramento, presentada este venres no salón de graos da Facultade de ADE do campus de Lugo, dous métodos válidos para proceder a unha correcta valoración contable de bens biolóxicos en empresas agrarias e que, na súa opinión, son sistemas o metodoloxías susceptibles de converterse en ferramentas que poderían servir para mellorar ou, cando menos axilizar, a valoración contable dos bens biolóxicos en empresas agrarias. Alén desta achega, a investigación desenvolvida por Veiga Carballido tamén pon de relevo algunhas claves diferenciais entre explotacións e empresas agrarias, dúas realidades diferentes que en ocasións comparten a mesma nomenclatura. Daquela, o profesor Veiga Carballido apunta o volume da actividade/negocio desenvolvido, o número de persoas da unidade familiar implicados de xeito directo e o maior o menor grao profesional desta relación laboral como parámetros que diferencian unha empresa dunha explotación agraria. Tribunal de tese O catedrático da Universidade Rey Juan Carlos Luis Tomás Díez de Castro presidiu este venres o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento de Veiga Carballido, un xurado do que actuou como secretario o profesor da USC Francisco Sineiro e do que tamén formaron parte como vogais os profesores José Luis Ocejo, da Universidade de Vigo, María Rosario Vidal, da USC, e Pilar Laguna Sánchez, da Universidade Rey Juan Carlos.

The contents of this page were updated on 05.09.2014.