O catedrático Carlos Diéguez acaba de ser galardoado co premio Geoffrey Harris 2015 da Sociedade Europea de Endocrinoloxía
O catedrático de Fisioloxía e director do Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), Carlos Diéguez, acaba de ser galardoado co Premio Geoffrey Harris 2015 que outorga a Sociedade Europea de Endocrinoloxía. Este é un premio dirixido a investigadores asentados do campo da neuroendocrinoloxía e está considerado como o primeiro do seu tipo en Europa. Dende o ano 2000 téñeno recibido investigadores de Australia, Reino Unido, Italia, Suecia, Francia, Grecia, Holanda ou Hungría. O recoñecemento ao labor desenvolvido polo profesor Diéguez é o segundo que se lle outorga a un investigador da USC, xa que en 2006 tamén fóra premiado Felipe Casanueva, o que vén por en relevo o nivel da investigación en endocrinoloxía e nutrición que se realiza na USC. O galardón toma o seu nome de quen fóra profesor da Universidade de Oxford, un dos pioneiros no estudo da endocrinoloxía. O galardón entregarase o vindeiro ano 2015 no transcurso do Congreso Europeo de Endrocrinoloxía, onde o profesor Diéguez pronunciará a conferencia inaugural, ademais doutras dúas intervencións en encontros científicos da Sociedade Europea de Endrocrinoloxía. Carlos Diéguez Carlos Diéguez ten publicado máis de 400 traballos en revistas internacionais de alto impacto, con número H de 84, ademais de ter dirixido 29 teses de doutoramento e participado como investigador principal de proxectos nacionais e internacionais. Ademais do seu labor docente e investigador, ocupou diversos cargos relacionados coa xestión científica como presidente da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, director do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago, xestor do Plan Nacional de Investigación e coordinador de avaliación de proxectos do ISCII. Ademais, na actualidade é membro do comité científico do Programa Europeo de Investigación ‘ Unha dieta saudable para unha vida saudable’ e asesor externo de diversos centros como os Institutos de Investigación Sanitaria de Vall d Hebrón, de Málaga, de Córdoba e de Navarra.