Skip to main content

Psicoloxía escolleu como decana á profesora Socorro Rodríguez Holguín

Socorro Rodríguez Holguín xa exerceu como decana da Facultade de Psicoloxía entre 2006 e 2010
Socorro Rodríguez Holguín xa exerceu como decana da Facultade de Psicoloxía entre 2006 e 2010

A profesora Socorro Rodríguez Holguín será a próxima decana da Facultade de Psicoloxía de Santiago. O centro celebrou eleccións ao decanato ás que se presentaron dúas candidaturas, Socorro Rodríguez Holguín, do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, que acadou 45 votos e o profesor Constantino Arce Fernández, do Departamento de Psicoloxía Social Básica e Metodoloxía, que conseguiu 35 apoios. Ademais emitíronse tres votos en branco e un nulo. Socorro Rodríguez Holguín é profesora titular da Área de Psicobioloxía. É doutora en psicoloxía dende 1996 e imparte clases de Neurociencia Cognitiva no grao de Psicoloxía, no Máster de Neurociencia e no Programa de Doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica. Forma parte do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva e Afectiva da USC e actualmente investiga sobre as consecuencias neurocognitivas do consumo de alcohol en mozos e mozas. Xa exerceu como decana da Facultade de Psicoloxía no período 2006-2010. No seu programa para os vindeiros catro anos figuran como liñas de traballo completar o proceso de conversión da titulación en grao, diversificar a oferta de prácticas externas e ampliar a formación especializada cun máster no ámbito do Desenvolvemento Psicolóxico. Outro dos asuntos que abordará é a optimización dos recursos e mellorar os mecanismos de participación nas decisións da facultade. O seu equipo complétase con Isabel Fraga Carou, Mariela Resches Zlotik e Paula Villar Torres.

The contents of this page were updated on 05.14.2014.