Skip to main content

Comezan seis novos cursos da Universidade de Verán da USC en Santiago e Lugo

Comezan seis novos cursos da Universidade de Verán da USC en Santiago e Lugo
Comezan seis novos cursos da Universidade de Verán da USC en Santiago e Lugo

A vindeira semana comezan en Santiago e Lugo seis novos cursos da Universidade de Verán da USC que abordarán temas diversos que van dende a avaliación dos trastornos mentais ata o tratamento da obesidade pasando pola arte e a agricultura ecolóxica. Así, Avances na avaliación, tratamento e xestión de trastornos mentais e do comportamento celebrarase entre os días 16 e 20 no Edificio Docente Roberto Novoa Santos; o curso Comunidades de aprendizaxe. Inclusión, éxito educativo e desenvolvemento comunitario desenvolverase dos 16 ao 18 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida); o curso Retazos de arte, sociedade e cultura na idade media europea: oratores, laboratores, bellatores será no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento entre o 18 e o 20; as Xornadas sobre novos modelos de financiamento deportivo serán no Paraninfo da Universidade entre o 20 e o 22 deste mes. No Campus de Lugo terán lugar o curso Novos enfoques no tratamento da obesidade na Facultade de Ciencias entre o 16 e o 18 e Agricultura familiar agroecolóxica no IBADER entre o 18 e o 20. Desenvolver técnicas psicoterapéuticas básicas e habilidades comunicativas para o bo trato na atención a pacientes con trastornos psiquiátricos, son algúns dos obxectivos do curso Avances na avaliación, tratamento e xestión de transtornos mentais e do comportamento. Tamén pretende que os participantes adquiran o coñecemento necesario para actuar na reintegración ou rehabilitación de pacientes con enfermidades psiquiátricas na familia, comunidade e sociedade. O curso conta coas acreditacións de interese sanitario e de actividades presenciais e de formación continuada para profesionais sanitarios pola Consellaría de Sanidade de Galicia. O curso Comunidades de aprendizaxe. Inclusión, éxito educativo e desenvolvemento comunitario ten por obxectivo divulgar os resultados de investigacións arredor das prácticas educativas de éxito desenvolvidas nos últimos anos no marco da Unión Europea. A cita tamén servirá para presentar a profesionais e persoas interesadas os fundamentos científicos que presenta o proxecto Comunidade de Aprendizaxe, así como difundir experiencias socioeducativas sustentadas no seu marco. Retazos de arte, sociedade e cultura na idade media europea: oratores, laboratores, bellatores é un curso da Universidade de Verán que achegará dende a interdisciplinariedade unha visión plural da arte e cultura europeas medievais e as súas manifestacións e o seu legado cultural nos campos da literatura, arquitectura, escultura, entre outras disciplinas. Para explicar este pasado medieval estudaranse os seus restos arqueolóxicos, documentais e artísticos. Pola súa banda, as Xornadas sobre novos modelos de financiamento deportivo pretenden informar, formar e debater sobre as alternativas de financiamento das entidades deportivas tras a caída das fontes de ingresos tradicionais, así como promover un espazo de reflexión sobre novos modelos deportivos e como abordar o financiamento e xestión dos mesmos. No Campus de Lugo, o curso Novos enfoques no tratamento da obesidade proporcionará unha actualización no coñecemento de diferentes tratamentos da obesidade que existen así como os efectos potencias sobre a saúde humana derivados dos mesmos. Trátase dun curso especialmente interesante para alumnado da nova titulación do campus –Nutrición humana e dietética- como complemento á súa formación. Por último, baixo o título Agricultura familiar agroecolóxica, este curso da Universidade de Verán propón instrumentos para a promoción de políticas activas a favor do desenvolvemento sustentable dos sistemas agrarios agroecológicos baseados na unidade familiar campesiña, que promovan a equidade e o desenvolvemento. Temática que será abordada, no ano Internacional da Agricultura Familiar, dende a perspectiva da loita eficaz contra a exclusión e a procura dun medio rural baseado no respecto ao medio ambiente e a biodiversidade. Próximos prazos de matrícula

A matrícula para os cursos da Universidade de Verán está condicionada polas datas de celebración dos cursos, de xeito que pode formalizarse ata dez días antes do inicio do programa. Así, a próxima data límite de matrícula será o 4 de xullo, para algún dos novos cursos que se celebrarán en Santiago, dous en Lugo ou os que se desenvolverán nas localidades da Pastoriza, Guitiriz, Lalín, Nigrán, Ortigueira, Rivadeo ou Vilanova de Arousa, entre os días 14 e 19 de xullo.

The contents of this page were updated on 06.13.2014.