Unha investigación veterinaria salienta os beneficios do sistema de produción leiteira do modelo de gandería ecolóxica
Unha investigación desenvolvida na Facultade de Veterinaria de Lugo suxire a hipótese de que o sistema de produción leiteira recollido no modelo de gandería ecolóxica pode proporcionar beneficios tanxibles ao inversor que decida introducirse neste sistema, tal e como conclúe o veterinario José Antonio Fernández García na súa tese de doutoramento, que se desenvolve baixo o título ‘Cambios metabólicos asociados ao sistema de explotación do vacún de leite’. Un dos potenciais beneficios para o vacún de leite que apunta Fernández García na súa tese, dirixida polos profesores doutores na Facultade de Veterinaria da USC, Cristina Castillo Rodríguez, Joaquín Hernández Bermúdez e José Luis Benedito Castellote, percíbese no estado de saúde dos animais. Estas vantaxes produciríanse especialmente no momento máis crítico da vida produtiva das vacas de leite, como é denominado período de transición, que se prolonga desde as tres semanas previas ao parto ás tres semanas posteriores, e traduciríase no feito de favorecer unha máis que probable plasticidade metabólica ante enfermidades que acontecen a miúdo no modelo intensivo e que son causa, máis que probada, de grandes perdas económicas. Os custos económicos provocados por este tipo de episodios vén derivado de varios factores, tales como son a necesidade de mercar e dispensar tratamentos, a diminución da produción láctea e de tenreiros, así como da eliminación temperá de vacas de alta produción láctea ou o aumento de horas de traballo extra por parte dos traballadores da explotación, como recolle Fernández García na súa investigación, na que tamén advirte da necesidade de desenvolver novos estudos que evidencien estes beneficios. Doutra banda, este investigador salienta que o modelo de gandería ecolóxica na produción de leite podería ademais constituír a curto e medio prazo, unha vía sólida e factible cara a la reestruturación dunha parte considerable do sistema leiteiro de Galicia, xa que se trata dun modelo que fomenta prácticas produtivas acordes á natureza do animal. Independentemente de que se trate de granxas ecolóxicas, tradicionais ou intensivas, o feito de extremar os coidados no manexo (no que tamén se inclúe a alimentación) e benestar dos animais contribúe de forma notable a mellorar o estado sanitario e produtivo dos mesmos, ao tempo que permite diminuír a presenza de enfermidades metabólicas, reprodutivas ou infecto-contaxosas. Estes efectos vantaxosos na saúda dos animais quedaron plasmados na investigación desenvolvida por Fernández García. Este doutor indica na súa tese que o factor humana condiciona as producións en calquera tipo de explotación, xa sexan ecolóxicas ou intensivas, que, na súa opinión, non poden catalogarse como explotacións boas ou malas. O coidado da implantación de varios factores, entre os que cómpre ter en conta a raza, pero tamén a alimentación, control de reprodución, medidas que eviten o estrés dos animais... son os que deparan granxas con bos ou malos resultados, sostén este investigador. José Antonio Fernández García avoga asemade na súa tese de doutoramento porque calquera produtor que queira ter unha explotación proveitosa e con bos resultados faga un estudo prospectivo cos técnicos de para saber como inciden unha serie de factores produtivos (raza, cantidade e calidade do leite, a posibilidade de transformación en derivados lácteos e o conseguinte valor engadido) reprodutivos (taxa de fertilidade, taxa de nacementos, incidencia de enfermidades reprodutivas como metrite, etc.. ) ou sanitarios (taxa de enfermidades infecto contaxiosas ou aquelas condicionadas polo estrés, ou procesos específicos da produción láctea como a mamite, taxa de trastornos metabólicos, etc..). A vixía e o coidado das edificacións e o seu acondicionamento para manter animais son factores que favorecen ou dificultan o feito de acadar unha alta cota nas producións, conclúe Fernández García. Tribunal de tese O tribunal encargado de avaliar a investigación desenvolvida polo veterinario José Antonio Fernández García na súa tese de doutoramento, na que se recollen datos reais de explotacións gandeiras emprazadas na comarca luguesa da Ulloa, estivo presidido polo catedrático da Universidade de Murcia Cándido Gutiérrez Panizo. Juan Sotillo Mesanza e José Ramiro González Montaña, profesores da Universidade de Murcia e de León, respectivamente, e Víctor Pereira Lestayo, da Universidade de Santiago, actuaron como vocais deste tribunal de tese. A profesora da Facultade de Veterinaria da USC Marta López Alonso desenvolveu as funcións de secretaria deste tribunal avaliador, que concedeu a máxima cualificación académica á tese de doutoramento presentada por José Antonio Fernández García.