Skip to main content

Uns 90 estudantes de ensino medio de institutos galegos de fóra de Galicia participan ata o 27 no II Campus científico técnico Lugo

Estudantes, docentes e autoridades que participaron na apertura do II Campus de verán científico técnico Lugo
Estudantes, docentes e autoridades que participaron na apertura do II Campus de verán científico técnico Lugo
O vicerreitor Javier Bueno abre na EPS un programa formativo e de lecer orientado cara a promoción do campus de Lugo e no que colaboran preto de 80 profesores da USC

Uns 90 estudantes de ensino medio de Bacharelato procedentes de diferentes centros educativos e institutos de diversas localizacións de Galicia, así como de fóra da comunidade autónoma, participarán ata o vindeiro venres, día 27 de xuño, no II Campus de verán científico técnico Lugo, un programa formativo e de lecer orientado cara a promoción do campus de Lugo e da súa oferta de titulacións e servizos en cuxa organización e desenvolvemento participan preto de 80 profesores e investigadores da USC.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, inaugurou este luns no salón de actos da Escola Politécnica a segunda edición deste campus de verán, no transcurso dun acto de benvida no que tamén participaron a coordinadora do II Campus de Verán Científico Técnico Lugo, a profesora do Departamento de Química Física da USC na Facultade de Ciencias, Mercedes Novo; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Servizos Xerais e Participación Cidadá do Concello de Lugo, Manuel Núñez López. Fomentar o interese polas titulacións científicas e técnicas, así como por aquelas outras do eido das ciencias sociais e humanidades, ofertadas no campus lugués, achegar toda a información dispoñible para que os futuros universitarios/as poidan elixir mellor o seu futuro e divulgar a investigación feita no campus de Lugo son algúns dos obxectivos que busca este campus de verán, segundo indicou Javier Bueno, que animou a todos os estudantes a gozar desta experiencia preuniversitaria no campus e na cidade de Lugo. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo tamén salientou a oportunidade dun programa de achegamento do oferta universitaria do campus de Lugo á comunidade estudantil, ao tempo que lembrou o abano de medidas incluídas no plan de choque para o campus de Lugo que pretende desenvolver o novo goberno da USC, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo para revitalizar esta sede universitaria. Lara Méndez e Manuel Núñez tamén aproveitaron o encontro cos mozos/as para darlles a benvida á capital luguesa e convidalos a comezar a súa formación universitaria nalgún dos centros do campus de Lugo. Asemade, a vicepresidenta segunda da Deputación indicou neste senso que “as persoas que se inscriban para o curso 2014-15 no campus lugués da USC poderían acceder ás bolsas de matrícula que outorgará a Deputación de Lugo”. A profesora do Departamento de Química Física da USC e coordinadora do campus de verán científico técnico Lugo, Mercedes Novo Rodríguez, aproveitou este acto de recepción para agradecer publicamente a colaboración recibida da Deputación e do Concello de Lugo, así como da Fundación Educa Barrié para poder desenvolver esta iniciativa. Programa, escenarios e actividades As distintas actividades incluídas no II Campus de Verán Científico Técnico Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Lugo. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do campus de Lugo e a centros colaboradores (Biblioteca, CACTUS, Aula de Produtos Lácteos e laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia), e a realización de actividades prácticas e de talleres relacionados coas titulacións científicas e técnicas do campus de Lugo centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre máis de 20 propostas. Ofrécense ademais un “Quest” en inglés, un espectáculo científico, un encontro con ex alumnos/as, unha festa de despedida e algunha sorpresa máis. Nesta nova edición como principal novidade, e co fin de favorecer a asistencia de alumnado de fóra de Lugo, ofértase un programa de aloxamento entre o 22-28 de xuño no Albergue Lug2 organizado en colaboración coa A.D.C. Lumieira Lugo, cuxos monitores acompañarán e supervisarán en todo momento a estadía dos estudantes aloxados/as. Proxectos científicos e técnicos a desenvolver O estudantado que tome parte no II Campus de verán científico técnico Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos e técnicos que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas desde a Facultade de Veterinaria levan por título Prácticas de veterinaria clínica; Animal CSI, realidade ou ficción?; As análises clínicas como forma de saber o estado de saúde dos animais; Separación de proteínas mediante electroforese; Animais diminutos nas praias galegas: a vida entre os grans de area; Inseminación artificial en veterinaria e Unha cebra na auga. A multiplicación de árbores por cultivo in vitro, A importancia de saber por onde pisas, onde constrúes, A modelaxe 3D e medicións mediante fotogrametría, A auga que levan os ríos sempre está cambiando, como medila?, A enerxía do futuro: simulación dun convertedor de enerxía das ondas mariñas e Medición e valoración de arboredo constitúen as propostas científicas que ofrece a Escola Politécnica. Un abano de proxectos non menos atractivo é o deseñado polo profesorado da Facultade de Ciencias, que desenvolverá seis experiencias científicas e técnicas que levan por título Química computacional, a química no teu ordenador; A cor: pigmentos naturais; Sulfato de cobre: preparación dun funxicida ecolóxico e protección de ferro por cementación; Produción de electricidade cunha froita; Do laboratorio á cociña e Luz, cor e fluorescencia. Outra das novidades que presenta o programa este ano atinxe á oferta de proxectos nos que a ciencia convive coas humanidades e a creación artística. Así, desde a Facultade de Humanidades propóñense os proxectos Os científicos das letras: ‘Elemental, querido Watson’ o programa en inglés ‘English, Science and Fun’ ou un obradoiro de introdución á fotografía científica que se desenvolverá na Facultade de Veterinaria baixo o título ‘Fai as túas fotos e mellóraas!’.

The contents of this page were updated on 06.23.2014.