Skip to main content

Un dos maiores expertos na xestión do talento imparte unha charla na USC

Joseph Renzulli falará o martes 3 ás 18.15 horas no Paraninfo da Universidade sobre ‘As grandes ideas sobre o desenvolvemento do talento’

O profesor norteamericano Joseph Renzulli impartirá este martes 3 de xuño no Paraninfo da Universidade a conferencia titulada As grandes ideas sobre o desenvolvemento do talento. A iniciativa, da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC e da Fundación Barrié forma parte do proxecto de innovación educativa TALENTO 3.0. Joseph Renzulli é director do Neag National Research Center on the Gifted and Talented (centro nacional de investigación para as altas capacidades) da Universidade de Connecticute un dos maiores expertos mundiais en xestión do talento e altas capacidades aplicadas ao sistema educativo. A súa charla complementa un programa específico de formación que este experto dirixirá durante catro días para 50 profesores de primaria e secundaria dentro do programa Talento 3.0. Baixo o título ‘As grandes ideas sobre o desenvolvemento do talento’, Renzulli explicará as dúas ideas que subxacen en calquera programa nacional de desenvolvemento do talento, como son o proceso de identificación de altas capacidades na xuventude, e os mellores métodos para proporcionar modelos que desenvolvan a creatividade e a capacidade. O seu relatorio tamén ofrecerá unha visión xeral sobre as teorías de altas capacidades así como a metodoloxía empregada para o desenvolvemento do talento na Universidade de Connecticut. A charla comezará ás 18.15, será en inglés e poderá seguirse en Twitter cos hastaghs #talentoBarrié e #altascapacidades. A Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago e a Fundación Barrié desenvolven desde abril un programa de formación do profesorado galego para o desenvolvemento do talento nas aulas denominado Talento 3.0 , que está baseado nun estudo de campo realizado o ano pasado polo investigador David Gómez, grazas á colaboración da Fundación Barrié, en catro universidades dos Estados Unidos referentes a nivel mundial en formación do profesorado (Virxinia, Connecticut, Johns Hopkins e Harvard) e nas que Gómez, pertencente ao equipo de investigación dirixido pola profesora de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC Carmen Pomar, experta na formación en altas capacidades, desenvolveu unha estadía de investigación.

The contents of this page were updated on 06.02.2014.