A problemática das políticas públicas de igualdade de xénero e educación centran unhas xornadas na Facultade de Psicoloxía
As diversas problemáticas arredor das políticas públicas de igualdade de xénero e educación serán o eixe temático dos distintos relatorios e debates programados no marco das IX Xornadas de Formación Educación, Xénero e Igualdade e I Xornadas Internacionais, organizadas polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC e que se desenvolverán os días 20 e 21 de marzo no salón de actos da Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela.
O obxectivo deste foro monográfico, coordinado pola profesora da USC e directora do CIFEX, Rita Rald, pasa por abordar desde unha perspectiva internacional tres dimensións capitais das políticas públicas, como o son a dimensión política e institucional, a referida ás experiencias vitais das mulleres e a dimensión da educación e a socialización humana. A vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva Hermo, presidirá este xoves, día 20 de marzo, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía do Campus Vida, a apertura destas xornadas no transcurso dun acto inaugural no que tamén participarán a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a concelleira de Familia, Muller e Igualdade de Santiago, María Castelao. A directora do CIFEX e coordinadora do foro, Rita Rald, e o decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Rodolfo Lois Ferradás Blanco, tamén participarán nesta sesión inaugural, trala que se desenvolverá un coloquio sobre as políticas públicas de igualdade das mulleres e de xénero en épocas de crise desde as perspectivas institucionais. As fronteiras profesionais de xénero, as políticas públicas de igualdade e educación no contexto internacional centrarán a temática dos relatorios programados na primeira xornada, que rematará cun obradoiro sobre rasgos identitarios e experiencias vitais. O uso das novas tecnoloxías por parte da mocidade desde a óptica das mulleres e do xénero, a análise dalgúns aspectos diferenciais de socialización de xénero, como o alcohol e as drogas, e as accións e políticas de igualdade de xénero no marco do ensino superior, constitúen outros dos temas que se abordarán o venres, día 21 de marzo, na xornada de clausura deste foro, estruturado en trinta horas lectivas.