Skip to main content

O foro ‘Ler o mundo hoxe’ potenciará a lectura como vehículo de promoción integral do universitario

A primeira xornada do Foro de lecturas ‘Ler o mundo hoxe’ celebrarase este xoves 20 para propiciar, con vocación multidisciplinar, distintas interpretacións “arredor do mundo e das nosas sociedades, entre o local e o global, o analóxico e o virtual, os saberes científicos e a vida cotiá, en toda a súa diversidade”, explican os promotores desta iniciativa que organiza o grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea). Ao longo da mañá deste xoves no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida), de 9.30 a 14.00 horas, participarán o coordinador da Rede Internacional de Universidades Lectoras, Eloy Martos, o escritor chileno Luis Sepúlveda, o ex parlamentario europeo e historiador Camilo Nogueira, a escritora Anxos Sumai e a antropóloga e bloguera Montse Dopico. No horario de tarde celebrarase unha sesión de traballo cos vicerreitores/as e responsables de Servizos de Publicacións de diversas Universidades do Norte de España e Portugal. Esta é unha actividade que se desenvolve ao abeiro da Rede Internacional de Universidades Lectoras, conformada por 46 universidades de toda España que deseña un conxunto de actividades comúns para a posta ren práctica de propostas e contornos favorables á lectura e á escritura na comunidade universitaria no seu conxunto. O obxectivo básico da rede é potenciar o papel da lectura e a escritura na Universidade, non só como ferramenta de traballo senón tamén como vehículo de promoción integral do universitario. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web do grupo SEPA.

The contents of this page were updated on 03.19.2014.