Skip to main content

O XVI Congreso Internacional da Asociación de Historiadores da Comunicación reúne na USC un cento de especialistas de Europa e América

A xuntanza celebrárase na Facultade de Ciencias da Comunicación, onde foi inaugurada este xoves. Foto: Servimav-USC
A xuntanza celebrárase na Facultade de Ciencias da Comunicación, onde foi inaugurada este xoves. Foto: Servimav-USC
No programa está prevista a participación de dez relatores destacados que achegarán a súa visión sobre a evolución histórica dos novos medios
Santiago de Compostela

A Asociación de Historiadores da Comunicación celebra este xoves 26 e o venres 27 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o seu XVI Congreso Internacional para debater en perspectiva a revolución tecnolóxica da comunicación, prestando especial atención á historia dos novos medios dixitais así como o papel que lle corresponde na historia da comunicación. No encontro participan un cento de especialistas de países de todo o mundo, Brasil, Portugal, Italia, México, Perú, Costa Rica, Uruguai e España, entre outros.

O presidente da Asociación de Historiadores da Comunicación, Jaume Guillamer Lloveras, xunto coa vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, foron os encargados de inaugurar o congreso xunto con Xosé López García e Alberto Pena Rodríguez, directores do comité organizador, e o director xeral de Políticas Lingüísticas, Anxo Lorenzo. Durante esta sesión Josep Lluís Gómez Mompart realizará unha homenaxe a Jesús Timoteo Álvarez Fernández (1947-2018), primeiro presidente da Asociación de Historiadores da Comunicación.

Logo do acto inaugural celebrouse a primeira sesión plenaria do encontro, co lema ‘Historia dos novos medios no escenario dixital’, seguida doutra centrada na evolución histórica dos novos medios en Galicia. Na xornada da tarde celébranse diversas sesións temáticas paralelas agrupadas cos lemas: Análise do discurso comunicativo e recepción de audiencias; Estrutura, modelos e sistemas de la comunicación; Medios, estratexias, técnicas de comunicación e biografías de comunicadores; Metodoloxías de investigación da historia da comunicación; Opinión pública, poder e comunicación; e Representacións da memoria histórica.

No programa está prevista a participación de dez relatores destacados que achegarán a súa visión sobre a evolución histórica dos novos medios. Entre outros atópanse Mario Tascón, socio fundador de Prodigioso Volcán e exdirector de elmundo.es; Vicent Partal, director de Vilaweb; Ismael Nafría, autor do libro La reinvención de The New York Times; Ana Regina Rêgo, da Universidade Federal do Piauí de Brasil; Francisco Rui Cádima, da Universidade Nova de Lisboa; Javier Díaz Noci, da Universidade Pompeu Fabra; Carlos Toural, presidente de AGACOM e membro do grupo de investigación Novos Medios da USC; Alba Silva, do grupo de investigación Novos Medios da USC; e Francisco Campos, catedrático da USC.

The contents of this page were updated on 12.19.2019.