Skip to main content

Formación do Profesorado acredita competencias pedagóxicas e didácticas a docentes técnicos de FP cun curso de especialización

Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC
Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC
A terceira edición deste programa único en Galicia e dirixido polas profesoras da USC Eva María Barreira e Carmen Sarceda comeza este sábado con 70 estudantes inscritos
Lugo

O curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica de profesorado técnico de Formación Profesional dirixido polas profesoras da USC Eva María Barreira Cerqueiras e Carmen Sarceda Gorgoso bota a andar este sábado, a partir das 10.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo, a súa terceira edición, na que formalizaron a súa inscrición 70 profesionais de toda Galicia con titulacións declaradas equivalentes a efectos de docencia.

Este curso de especialización constitúe un programa único e singular na comunidade galega pola súa temática e habilidades competenciais, ao tempo que supón unha iniciativa acaída para dar resposta a unha necesidade formativa demandada por un importante colectivo social e profesional.

O programa está estruturado en 60 créditos ECTS e o seu carácter semipresencial facilita a súa realización por parte de persoas que estean traballar, tanto no ensino como en outras actividades profesionais. O alumnado matriculado neste curso de especialización, que se desenvolve por segunda vez no campus de Lugo da USC, poderá avanzar na súa formación en competencias pedagóxicas e didácticas a través dunha metodoloxía e-learning e de obradoiros presenciais nos que poderán afondar e aplicar de xeito práctico nos contidos traballados ao longo das diversas sesións.

As clases en liña programadas no marco desta proposta formativa permitirán ao alumnado contar con todo o material teórico co que logo deberán traballar de xeito autónomo, aínda que sempre coa orientación docente necesaria. De feito, o programa do curso contempla tamén videoconferencias gravadas e outras sesións en directo, nas que o alumnado poderá participar, interpelar e interacción co profesorado do curso.

Apertura do curso

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidirá este sábado a apertura oficial desta nova edición do curso de especialización en competencias pedagóxicas e didácticas de profesorado técnico de FP no marco dunha sesión na que tamén intervirán as dúas directoras deste programa, así como o director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Manuel Corredoira, e a directora do Centro de Estudos Propios da USC, Ana Díaz.

The contents of this page were updated on 12.19.2019.