Skip to main content

Tres novos cantantes interpretarán dúos de ópera e romanzas de zarzuela no oitavo concerto do Ciclo de Novos Intérpretes

Tres novos cantantes protagonizan o oitavo concerto do Ciclo de Novos Intérpretes, este martes 25 no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) a partir das 20.00 horas. Os protagonistas son a soprano Rosalía Cid Tarrío, o tenor Javier Alejandro Ossandon e a mezzosoprano Elisabet Filgueira. Dous deles, Rosalía Cid e Javier Alejandro Ossandon, son alumnos de Diana Somkhieva no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, mentes que Elisabet Filgueira é licenciada superior de canto polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Os tres pertencen á Asociación Lírica Encantados. No seu concerto no Paraninfo da Universidade, e baixo a dirección artística de Diana Somkhieva, os tres cantantes prepararon un variado e interesante programa que inclúe arias e dúos de ópera (O barbeiro de Sevilla de Paisiello, As vodas de Fígaro de Mozart, Sansón e Dalila de Saint-Saëns, Rodelinda de Haendel e Carmen de Bizet), romanzas de zarzuela (Moreno Torroba e Chapí) e cancións de Tosti, Bellini, Montsalvatge e Mozart). Os cantantes estarán acompañados ao piano pola profesora do Conservatorio Profesional de Santiago, Vera Pavlova. Coa colaboración da Universidade de Santiago, este certame alcanza a súa edición número dezaseis o que o converte no certame galego máis antigo en activo especialmente dedicado aos/ás máis novos/as intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario. Quince anos de historia e case cincocentos participantes avalan a sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos novos valores. O programa do ciclo consta de nove concertos que se celebrarán ata o mes de marzo, co concurso de máis de trinta novos músicos residentes en Galicia.

The contents of this page were updated on 03.24.2014.