Skip to main content

Vinte e seis paneis informan ao camiñante das especies de flora leñosa da ruta botánica do campus de Lugo

Un dos paneis informativos instalados no percorrido
Un dos paneis informativos instalados no percorrido
A vicerreitora da USC Benita Silva presenta na Escola Politécnica Superior a sinalización senda de dous quilómetros que percorre o patrimonio vexetal do campus

Vinte e seis paneis informativos achegan ao camiñante de xeito sinxelo información sobre as distintas especies de flora leñosa incluídas na ruta botánica do campus de Lugo, un itinerario anular arredor da sede universitaria luguesa que permite apreciar os valores máis representativos dos 230 taxóns leñosos identificados e catalogados nas máis de 30 hectáreas de superficie sobre as que se estende o campus de Lugo.

A nova sinalización desta ruta botánica, que ofrece información sobre as distintas especies vexetais en galego, español e inglés, foi presentada este xoves na Escola Politécnica Superior de Lugo no transcurso dun acto no que participaron a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC, Benita Silva, e o director do devandito centro universitario lugués, Javier Bueno. O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC e coordinador do estudo e guía botánica do campus de Lugo promovido pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade a través da Oficina de Desenvolvemento Sostible, Antonio Rigueiro; a deputada de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, e a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, María Teresa Barral, tamén participaron na presentación dos indicadores desta ruta. A sinalización da ruta botánica do campus de Lugo, unha actuación sufragada pola Deputación Provincial de Lugo cunha achega orzamentaria de 5.200 euros, constitúe unha nova dotación de mobiliario urbano que ademais de achegar información sobre as distintas especies vexetais, tamén indica a súa distribución xeográfica e facilita así o percorrido desta ruta botánica. A instalación destes paneis informativos serven asemade para completar o traballo de catalogación e posta en valor do patrimonio natural do campus de Lugo, unha actuación promovida pola Oficina de Desenvolvemento Sostible e desenvolvido por diversos profesores e investigadores do Departamento de Produción Vexetal ao longo do curso 2010-2011 no marco do proxecto Campus Vida, Campus de Excelencia Internacional. Este traballo inicial deu lugar á publicación da Guía Botánica do campus de Lugo, unha obra editada pola Deputación Provincial de Lugo e a USC, e da que, segundo indicou Benita Silva, xa se está a preparar unha edición en galego que será accesible en aberto desde o repositorio do Servizo de Publicacións da USC. Asemade, ao abeiro desta actuación tamén se elaborou un mapa interactivo da flora leñosa do campus lugués que está dispoñible na web da USC. A Guía Botánica do Campus de Lugo está estruturada en dúas partes. Na primeira ofrece unha descrición detallada do percorrido, así como unha cartografía sintética que presenta os sectores nos que se divide este itinerario, ademais dos fitos botánicos máis sobresaíntes e outras referencias para a localización do camiñante. Unha colección de fichas ilustradas das 73 especies de flora leñosa catalogadas no estudo, e un anexo de 48 fichas nas que describe un total de 48 estirpes (especies, híbridos e variedades) adicionais ás 73 especies antes citadas, completan esta obra que da a coñecer o patrimonio botánico e ornamental das áreas verdes do campus de Lugo. O acto de presentación da sinalización desta ruta botánica polo campus de Lugo serviu asemade para inaugurar unha exposición coas especies vexetais máis sobresaíntes do patrimonio botánico do campus de Lugo, unha mostra fotográfica que permanece aberta ao público desde hoxe no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. Barral, Silva, Bueno, López Izquierdo e Rigueiro, na presentación da sinalización do roteiro botánico do campus de Lugo

The contents of this page were updated on 03.27.2014.