Skip to main content

O catedrático Jorge Mira Pérez, galardoado na vixésima edición dos Premios Lois Peña Novo

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira Pérez
O xurado deste premios considera que “ninguén coma el logrou achegar a ciencia á xente non experta sendo un exemplo a seguir dentro da comunidade universitaria”

O catedrático Jorge Mira Pérez acaba de ser recoñecido co Premio Lois Pena Novo que outorga a Fundación homónima co obxecto de recoñecer o labor, tanto individual coma colectivo, daquelas persoas, entidades ou empresas que traballan ou teñen relación coas administracións públicas e que fan, co seu traballo cotiá, publicacións, estudios ou traballos de investigación que a lingua galega se consolide, cada vez máis, no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Xunto ao docente da USC, tamén foron premiados o Colexio Oficial de Traballadores e Traballadoras Sociais de Galicia e a maxistrada no Xulgado do Social número 3 de Lugo, Dalila Dopazo Blanco.

A concesión do premio ao profesor Mira quere destacar “o compromiso persoal que dende hai anos exerce coa incorporación da lingua galega nunha especialidade científica na que non abondan exemplos”, recolle o ditame do xurado que tamén quixo salientar “o seu constante traballo de divulgación científica en galego, poñendo a ciencia ao alcance de todos, conseguido un perfecto equilibrio entre o que semella só apto para uns poucos”. Neste senso, o xurado considera que “ ninguén coma el logrou achegar a ciencia á xente non experta sendo un exemplo a seguir dentro da comunidade universitaria”. Na valoración do perfil do profesor Jorge Mira, tamén se tivo en conta o “esforzo que supón o mantemento do programa ConCiencia, que achega figuras de renome internacional á sociedade así como polo traballo de divulgación en galego que fai a través fundamentalmente dos medios de comunicación” .

O xurado encargado da valoración das candidaturas presidiuno o catedrático de Matemáticas e ex reitor da Universidade da Coruña, José Mª Barja Pérez; e integrárono a doutora en Filoloxía galega e escritora, Inma López Silva; o etnógrafo e escritor, premiado na edición de 2013 destes premios, Clodio González Pérez; a xefa dos servizos lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra, Celia Soto Espiña; o comisario principal do Corpo Nacional de Policía e escritos, Luis García Mañá; e a secretaria da Fundación Lois Peña Novo, que interveu en calidade de secretaria do xurado.

The contents of this page were updated on 06.03.2014.