Skip to main content

Un foro de ADE avoga por trámites áxiles e controis preventivos como medios útiles fronte a delitos fiscais e branqueo de capitais

Estudantes e relatores que participaron no foro sobre delito fiscal e branqueo de capitais celebrado en ADE
Estudantes e relatores que participaron no foro sobre delito fiscal e branqueo de capitais celebrado en ADE

A adopción de medidas e controis de carácter preventivo e a implantación de procesos administrativos áxiles, previsibles e transparentes son dúas ferramentas útiles para facer fronte e, no seu caso, evitar delitos fiscais e de branqueo de capitais, segundo se puxo de manifesto nas xornadas ‘O delito fiscal e o branqueo de capitais na actual conxuntura económica’, celebradas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo baixo a coordinación do profesor da USC Luis F. Lage de la Fuente.

Esta xornada, enmarcada no programa de actividades posto en marcha pola facultade luguesa para achegar o centro universitario á realidade económica actual, permitiu aos asistentes esclarecer posibles dúbidas sobre conceptos susceptibles de confusión, tales como infraccións ou delitos administrativos, ademais de coñecer outras cuestións referidas á posible responsabilidade penal das persoas xurídicas ou á prevención do branqueo de capitais e á relación destes con outros delitos previos. O profesor Luis F. Lage explicou no seu relatorio que o delito fiscal, que consiste en defraudar á facenda pública, acostuma ser sancionado cunha multa. Lage de la Fuente precisou, non obstante, que este tipo de infraccións están consideradas como delitos no ordenamento xurídico español cando o importe defraudado supera a cifra de 120.000 euros e se proba que existe dolo na actuación. A inspectora de Facenda do Estado, Gloria Blanco, destacou as facilidades de incorrer en delito fiscal por parte de calquera empresario que emita facturas falsas, xa que pode ser condenado como cooperador necesario ou cómplice no delito cometido por un terceiro. Asemade, o economista, empresario e asesor fiscal Severino Fernández, defendeu a conveniencia de implementar procedementos administrativos e legais áxiles, seguros e transparentes como mecanismo eficaz para evitar corrupción. A xefa de Vixilancia Aduaneira da A.E.A.T en Lugo, Noemí Torrente, a maxistrada Pilar de Lara abordaron nas súas respectivas intervencións a prevención do branqueo e do fraude fiscal, así como a súa conexión con delitos previos. Nos seus relatorios, Torrente e De Lara falaron dos plans preventivos de control de medios de pago, das limitacións de pagos en efectivo. A xuíza Pilar de Lara resaltou tamén que resulta máis produtivo combater este tipo de delitos con medidas de prevención que con actuacións represivas, que, segundo dixo, resultan ineficaces se non contan cos instrumentos precisos para recuperar o diñeiro e perseguir os delitos.

The contents of this page were updated on 03.03.2014.