Skip to main content

Casares preside este luns o acto académico da festividade do patrón da Facultade de Ciencias da Educación

Miguel Vázquez Freire ofrecerá o relatorio ‘O odio á pedagoxía. Educar en tempos de crise’ nun acto no marco do que seis profesores recibirán o Sarmiento de Honra

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares, presidirá o vindeiro luns, a partir das 12.00 horas, no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, o acto académico conmemorativo da festividade do patrón da Facultade de Ciencias da Educación, Frei Martín Sarmiento, unha celebración na que tamén participarán o decano da facultade, Lois Ferradás Blanco; a vicedecana Elena Fernández Rey e a secretaria do devandito centro universitario, Rita Gradaille.

O catedrático de ensino secundario Miguel Vázquez Freire ofrecerá no marco deste acto un relatorio baixo o título ‘O odio á pedagoxía. Educar en tempos de crise’ e, ao remate da súa intervención, procederase á entrega de diplomas dos Premios Extraordinarios de diplomatura, licenciatura, grao e máster aos mellores estudantes, ao tempo que tamén se fará entrega de premios aos gañadores do II Certame Literario da Facultade de Ciencias da Educación. A acto conmemorativo da festividade do patrón da Facultade de Ciencias da Educación será tamén o marco escollido para distinguir a seis profesores/as co Sarmiento de Honra, un recoñecemento que recibirán nesta ocasión os/as ensinantes María Carmen Gómez Novoa, María Luz Carballo Vicente, Antón Costa Rico, Miguel Ángel Zabalza Beraza, María Lourdes Montero Mesa e Anxo Serafín Porto Ucha. Logo da clausura desta cerimonia académica por parte do reitor da USC, o grupo teatral ‘Enlata teatro’ poñerá o colofón da sesión coa representación dun extracto da peza ‘A face e o envés’.

The contents of this page were updated on 03.07.2014.