Unha investigación aborda a lírica en galego de Díaz Castro nunha obra crítica que documenta e afonda na vida do autor de Guitiriz
O investigador mindoniense Armando Requeixo Cuba desenvolve na súa tese de doutoramento un amplo estudo crítico e documentado da vida e da obra do escritor guitiricense Xosé María Díaz Castro, o autor ao que este ano se rende homenaxe o Día das Letras Galegas no centenario do seu nacemento.
A investigación desenvolvida por Requeixo Cuba baixo o título ‘A poesía en galego de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica’ constitúe unha achega para o coñecemento integral da biopoética diazcastriana, xa que supón o primeiro e máis amplo estudo da vida e da obra do autor guitiricense, así como a única fonte na que figura recollida toda a súa poesía en galego en edición crítica. A tese de doutoramento realizada por Armando Requeixo Cuba baixo a dirección dos profesores da Universidade de Santiago Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, consta dun amplo estudo biográfico e literario actualizado sobre o autor, así como da rigorosa edición crítica de toda a súa poesía en galego, moita da cal permanecía inédita e que se dá a coñecer neste estudo por primeira vez. O traballo de investigación e documentación desenvolvido por Requeixo Cuba, profesor no instituto de Catoira, licenciado en Filoloxía Galega e crítico literario, céntrase en tres aspectos principais. De feito, o autor de ‘A poesía galega de Xosé María Díaz Castro: estudo e edición crítica’ ofrece unha ampla biografía documental actualizada e completa do escritor. Neste sentido, o traballo de Requeixo constitúe a máis extensa achega á peripecia vital do escritor de Guitiriz e revisa e pon ao día moitos datos sobre deste que ou se divulgaran de xeito equívoco ou eran descoñecidos. Outra das achegas feitas por este investigador na súa tese de doutoramento atinxen ao feito de que desenvolve un estudo de conxunto de toda a produción literaria diazcastriana, non só da súa obra poética, senón tamén doutras facetas autoriais do escritor que eran menos coñecidas ou permanecían esquecidas. Daquela, Requeixo Cuba analiza en profundidade toda a poesía en galego de Díaz Castro, tanto a publicada de modo exento —o opúsculo Nascida d’un sono (1947) e o referencial Nimbos (1961)— como a que permanecía espallada en revistas, xornais e outras publicacións e mais o amplo caudal de obra inédita, que inclúe os poemarios Follas verdes (1934) e Follas ô aire (1935) e outros poemas que se conservaron en follas soltas. Ademais da análise pormenorizada de toda esta poesía galega, Requeixo dá noticia e describe polo miúdo a obra poética en castelán de Díaz Castro, a súa poesía noutras linguas (alemán, francés e latín), a narrativa breve humorística, o amplísimo labor como tradutor dos máis variados idiomas (alemán, francés, inglés, sueco, danés, latín, castelán...) e mesmo o traballo de articulista, colaborador xornalístico e ensaísta. Editar, criticamente, a poesía galega completa do escritor, tanto a édita como a inédita e non compilada, dispoñendo cada texto con acompañamento de aparato ecdótico que inclúe descrición métrica dos poemas, establecemento de variantes, indicación das súas reproducións e traducións e tamén diversas outras observacións e comentarios, constitúe outra das achegas, que non a menos importante, do traballo desenvolvido por Armando Requeixo De xeito complementario a estas tres liñas principais de investigación, a tese deste investigador mindoniense incorpora como remate unha exhaustiva bibliografía de máis de medio cento de páxinas, onde se recollen non só todos os traballos dados á luz polo escritor, senón tamén todo o que se publicou arredor da súa figura ao longo dos anos, con indicación tanto de textos aparecidos en libros, revistas e xornais coma outras achegas videográficas, fonográficas, webgráficas e mesmo un apartado centrado nos poemas que outros autores lle dedicaron. Tribunal da tese
O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, presidiu o tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento, que mereceu a máxima cualificación académica de sobresaínte cum laude. Tamén formaron parte deste xurado os profesores doutores Arcadio López-Casanova, da Universidade de Valencia, Aurora López, da Universidade de Granada; Xosé María Dobarro, da Universidade da Coruña, e Xosé Manuel Salgado, da Universidade de Santiago de Compostela e que actuou como secretario do tribunal.