Un foro analiza as achegas do sector pesqueiro ao desenvolvemento de Lugo este mércores na Facultade de ADE
A contribución do sector pesqueiro ao desenvolvemento económico e social da provincia de Lugo centrará este mércores un foro de debate na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, onde recoñecidos expertos do sector pesqueiro lugués e tamén da Consellería do Medio Rural e do Mar analizarán a actual situación pola que atravesa o sector pesqueiro.
As perspectivas de futuro para o desenvolvemento empresarial do sector pesqueiro, a súa achega á economía da provincia, a comercialización dos produtos, os diferentes modelos innovadores de organización empresarial pioneiros en España e en Europa e os desafíos que formula a nova política pesqueira da Unión Europea serán algunhas das cuestións que se aborden no marco deste foro. Esta xornada monográfica, organizada pola Facultade de ADE e que se desenvolverá en quenda de tarde, de 17.00 a 20.00 horas, na Aula Magna do devandito centro universitario lugués, está estruturada arredor dunha táboa redonda, na que intervirán cinco relatores, ademais da propia decana da facultade, Begoña Barreiro, que será a encargada de abrir e de moderar a sesión, trala que se abrirá un turno de debate e preguntas. O profesor da USC na Facultade de ADE e integrante do grupo de traballo Resiliencia e servizos ecosistémicos mariños, do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), Sebastián Villasante, abrirá a quenda de intervencións cunha introdución xeral á temática na que afondarán os distintos relatores. De seguido, o xefe de gabinete da Consellería de Medio Rural e do Mar, Antonio Basanta, repasará a actividade marítima e pesqueira en lugo, desde a tradición ao futuro. A directora xerente da Oficina de Produtores Pesqueiros de Lugo, Mercedes Moreda ofrecerá un relatorio baixo o título ‘E Lugo tiña mar...’, mentres que o xerente adxunto de Porto de Celeiro SA, Eduardo Míguez, abordará na súa intervención o pasado, o presente e o futuro na pesca desde a óptica de Puerto de Celeiro. A quenda de intervencións chegará ao seu remate cun relatorio sobre o modelo de organización e xestión da pesca na Mariña luguesa, a cargo do director xerente de Armadores de Burela, Miguel Neira.