Skip to main content

O premio Nobel de Medicina Harald zur Hausen visitará a USC en maio, dentro do programa ConCiencia

Harald zur Hausen recibiu o Nobel en Medicina en 2008 polo seu traballo relacionando o virus do papiloma humano co desenvolvemento do cancro cervical
Harald zur Hausen recibiu o Nobel en Medicina en 2008 polo seu traballo relacionando o virus do papiloma humano co desenvolvemento do cancro cervical

O premio Nobel de Medicina en 2008 Harald zur Hausen súmase á nómina de convidados do programa ConCiencia coa visita que realizará o vindeiro mes de maio. O investigador reunirase con investigadores da institución docente compostelá e impartirá a conferencia aberta ao público interesado sobre ‘A busca de cancros vinculados a infeccións’. Xustamente, o seu traballo relacionando o virus do papiloma humano co desenvolvemento do cancro cervical valeulle a este investigador do German Cancer Research Centre da Universidade de Heidelberg (Alemaña) a concesión do Premio Nobel en Fisioloxía ou Medicina xunto a Françoise Barré-Sinoussi e Luc Montagnier (estes últimos polo descubrimento do virus da SIDA). Harald zur Hausen amosou que practicamente todos os cancros de colo de útero, o segundo cancro máis frecuente en mulleres, foran infectados por papilomavirus humano (HPV). Esta observación ía contra o consenso da época, na que se cría que se este cancro tiña relación cun virus sería co do herpes xenital. Tamén foi unha observación difícil de facer coa tecnoloxía do momento. Os cancros de colo de útero non tiñan xa o virus infeccioso no momento no que se podían analizar. Só mantiñan o seu ADN, e ademais normalmente non todo o ADN. Dende que se sabe que os microorganismos poden causar enfermidades, tentouse relacionalos con cancros humanos clinicamente relevantes. Durante máis de medio século, só se puideron relacionar tumores malignos moi pouco frecuentes, e moitas veces nin sequera humanos, cun tipo de virus moi concreto, como son os retrovirus, e chegouse a considerar que ningún cancro realmente importante era provocado por unha infección. Os descubrimentos de zur Hausen permitiron coñecer como un virus non retroviral pode provocar cancro, o que contribuíu a entender tamén os procesos oncoxénicos non virais. Ademais, e probablemente o máis relevante, permitiron tamén o desenvolvemento de vacinas contra o HPV que previrán a aparición de cancros de colo de útero en futuras xeracións.

The contents of this page were updated on 03.11.2014.