Skip to main content

A Fundación Barrié presenta no campus de Lugo o seu programa de 42 bolsas de posgrao no estranxeiro para 2014

Montse Orta, García Herradón e Fernando Varela, con estudantes na presentacón do programa de bolsas no estranxeiro da Fundación Barrié en Veterinaria
Montse Orta, García Herradón e Fernando Varela, con estudantes na presentacón do programa de bolsas no estranxeiro da Fundación Barrié en Veterinaria
García Herradón salienta o éxito do campus de Lugo na convocatoria do ano 2013, logo foran seleccionados como bolseiros titulados/as en Veterinaria e Enxeñaría Química

A Fundación Barrié presentou este mércores, na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, o seu programa de bolsas de posgrao no estranxeiro para 2014, unha convocatoria que ofrece un total de 42 bolsas, das que 30 están dirixidas a titulados universitarios interesados en completar estadías de investigación predoutoral en centros estranxeiros de prestixio, dez son para desenvolver estudos de másteres en centros ou universidades estranxeiras e as dúas restantes encádranse no marco dun acordo co Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEGA) para o apoio e a promoción da innovación no sector da automoción.

O obxectivo deste programa de bolsas de posgrao que vén convocando a Fundación Barrié desde hai xa 25 anos, é a formación de líderes da sociedade, empresa e investigación nas mellores universidades e centros de investigación do mundo, a fin de que no futuro contribúan á creación e mellora dos elementos vitais para o desenvolvemento de Galicia. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, aproveitou este acto para agradecer a presenza de representantes da Fundación Barrié na sede universitaria luguesa, “un campus no que nunca antes estiveran”, dixo, ao tempo que destacou “o interese dunha iniciativa que fai posible que alumnos e titulados universitarios poidan financiar a súa formación” nunha etapa de dificultades orzamentarias e de redución das achegas públicas. O director de Educación da Fundación Barrié, Antonio Varela, e a responsable do programa de bolsas da fundación, Montserrat Orta Isasi, foron os encargados de presentar ante os estudantes e titulados do campus de Lugo esta nova convocatoria de bolsas da Fundación Barrié para completar estudos de posgrao, ben a través da realización de estancias predoutorais ou cursando másteres en universidades e centros de prestixio de todo o mundo, agás en España. Varela remarcou na súa presentación que o programa de bolsas de posgrao da Fundación Barrié caracterízase “pola súa flexibilidade”, ademais de por ser o programa de bolsas con maior dotación orzamentaria de toda España, ao tempo que destacou o elevado número de titulados/as universitarios/as que se beneficiaron ao longo do último cuarto de século deste programa de bolsas da Fundación Barrié. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, salientou o compromiso desta iniciativa co desenvolvemento do talento en Galicia, ao tempo que fixo fincapé no protagonismo acadado pola Universidade de Santiago de Compostela, en xeral, e do campus de Lugo, en particular, neste programa de bolsas de posgrao no estranxeiro da Fundación Barrié. García Herradón lembrou neste senso o éxito rexistrado no campus lugués na convocatoria de bolsas do pasado ano 2013, na que a Fundación Barrié seleccionou como bolseiros/as cinco titulados/as no campus de Lugo, tres da Facultade de Veterinaria e dous egresados/as de Enxeñaría Química Industrial. Os candidatos interesados en gozar deste programa de bolsas, aberto a participación de estudantes de último curso ou titulados universitarios de nacionalidade española que acrediten a súa vinculación con Galicia ben por ser galegos, descendentes de galegos, residentes en Galicia desde hai máis dun ano ou por ter completada a súa formación superior no Sistema Universitario de Galicia, poden formalizar, ata o vindeiro 31 de marzo de 2014, a súas solicitudes de bolsas a través do formulario en liña habilitado para tal efecto na páxina web www.fundacionbarrie.org. Dotación orzamentaria A dotación orzamentaria das bolsas de posgrao da Fundación Barrié varía entre 1.600 e 1.700 euros mensuais, en función de tratarse de estancias predoutorais ou máster, durante o tempo de duración do programa de formación no que estea inscrito o bolseiro, un período que non pode ser inferior a tres meses nin superior a dous anos. Ás contías económicas estipuladas nas bolsas cómpre engadir unha mensualidade a maiores para gastos de instalación no país de destino, así como outra partida fixa de 1.000 euros para gastos de desprazamento, así como os gastos do pago íntegro da matrícula. Outros dos requisitos que a Fundación Barrié demanda aos candidatos/as que aspiran a ser bolseiros/as atinxe a que acrediten previamente o coñecemento do idioma do centro de destino, así como á presentación dunha memoria na que expliquen e argumenten as fórmulas a través das que pretenden repercutir no desenvolvemento de Galicia os coñecementos adquiridos ao longo do período de formación do que gozaron como bolseiros da Fundación Barrié. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, a convocatoria do programa de bolsas de posgrao da Fundación Barrié para 2014 non exclúe ningunha área de coñecemento. Aínda así, nos criterios de selección priorízanse as solicitudes relacionadas coas áreas e sectores de maior impacto produtivo: Aeronáutica, náutica e auxiliares, agroforestal e pesca, automoción, biotecnoloxía, ciencias da saúde, emprendemento, liderado e innovación, empresa social e responsabilidade social corporativa, enerxía e medio ambiente, xestión cultural, innovación educativa, tecnoloxías da información e da comunicación, transferencia de tecnoloxía e valorización dos resultados de investigación. Os/as candidatos/as que obteñan unha bolsa da Fundación Barrié nesta nova convocatoria deberán comezar o seus respectivos programas de estudo antes do 31 de decembro de 2015. Os bolseiros seleccionados recibirán as asignacións mensuais establecidas na convocatoria unha vez que inicien a súa formación nos programas para os que lles foi concedida a bolsa.

The contents of this page were updated on 03.12.2014.