Skip to main content

Convócase unha bolsa para o alumnado do Máster Oficial en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial da USC

A USC, a través da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, convoca unha bolsa de colaboración no Máster Oficial en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial da USC. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de xaneiro. O plan de traballo da persoa que goce da bolsa, dunha contía total de 600 euros para todo o curso académico a razón de 5 horas á semana, comezará cunha fase inicial de cualificación no manexo dun sistema de xestión de contidos web e unha segunda de aplicación práctica nun caso concreto. Os aspirantes, que deberán estar matriculados no Máster, deberá presentar –dirixida ao coordinador do posgrao, Carlos Ferrás– a solicitude acompañada dunha copia do seu expediente académico e dunha declaración de non contar con outro tipo de bolsa ou remuneración nos Rexistros Xerais da USC. O posgrao O Máster oficial en Planificación e xestión do desenvolvemento territorial que, con perfil profesional e investigador, coordina o profesor Carlos Ferrás, desenvólvese dende o Departamento de Xeografía da USC e diríxese principalmente a titulados/as en Xeografía, Ordenación do territorio, Arquitectura, Economía, Ciencias ambientais, Socioloxía, Antropoloxía, Enxeñaría e calquera título vinculado á planificación e xestión territorial e urbanística. Ademais do seu carácter marcadamente interdisciplinar, o posgrao conta entre os seus atractivos dispor de cincuenta empresas e institucións a escoller polo alumnado para realizar as prácticas, posibilidades de matrícula a tempo parcial e o acceso a programas de intercambio e mobilidade Erasmus para estadías de investigación e a programas de mobilidade bilateral da USC con universidades de Europa, Estados Unidos, Latinoamérica e Asia. Entre os seus posibles ámbitos de traballo este título ofrece a posibilidade de desempeñar funcións nas distintas administracións públicas ou en consultarías ambientais, en xestión territorial, con sistemas de información xeográfica e teledetección aplicados á planificación ou xestión do territorio ou en sistemas de información turística.

The contents of this page were updated on 12.18.2014.