Skip to main content

O profesor Juan Gestal Otero, reelixido decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía

O profesor Juan Gestal Otero, reelixido decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía
O profesor Juan Gestal Otero, reelixido decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía

O catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Juan Gestal Otero foi reelixido este xoves como decano da Facultade compostelá de Medicina e Odontoloxía. Acompañarán ao profesor Gestal no equipo de goberno do centro José Carreira Villamor e Víctor Arce Vázquez como vicedecanos, Juan Suárez Quintanilla como vicedecano de Odontoloxía e María Teresa Castaño Oreja como secretaria. Na votación, á que só se presentaba a súa candidatura, Juan Gestal conseguiu 126 votos a favor –o 92% dos emitidos–, 8 en branco e 3 nulos. Do total do censo, os sectores más participativos nesta elección foron o PDI e o PAS, cun 73,5% e un 72,7% respectivamente, seguido do alumnado cun 25,3%. O novo equipo decanal formúlase como reto finalizar a implantación do grao en Medicina no próximo curso buscando recursos que fagan fronte á organización dos TFGM e ACOE para arredor dos 350 estudantes que rematan en 2015-2016, incrementando a dotación de simuladores e finalizando o deseño da organización das prácticas clínicas I, II e III na procura dunha relación de 1 alumno por titor. No eido dos recursos humanos, para o novo equipo será prioritario buscar “con urxencia” solución á non reposición das prazas de profesorado que se xubila á vez que dotar co número mínimo de PACS (5 por centro) aos hospitais de Ourense, Pontevedra e Ferrol. Continuar avanzando no aproveitamento de todos os recursos sanitarios do SERGAS para a formación dos futuros médicos e odontólogos e na construción dos novos edificios de Medicina e de Odontoloxía son outros dos propósitos para este mandato, no que ademais promoverán entre o alumnado o acceso a plataformas interactivas de consulta bibliográfica e recuperarán a figura de alumno/a interno/a da Facultade. O programa do profesor Gestal para os vindeiros catro anos supón a continuación do proposto o pasado mandato, no que entre outros logros se puxo en marcha o grao cunha mellora das dotacións para a práctica clínica e preclínica e se incorporaron á docencia os hospitais de Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol xunto aos de Vigo e A Coruña.

The contents of this page were updated on 12.18.2014.