Skip to main content

Xornada sobre as matemáticas como vector estratéxico de progreso económico

Xornada sobre as matemáticas como vector estratéxico de progreso económico
Xornada sobre as matemáticas como vector estratéxico de progreso económico

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) no que participa a USC desenvolve este venres 7 en Compostela a xornada ‘ As matemáticas, vector estratéxico de progreso económico’ na que se presentarán os resultados do estudo ‘Impacto socioeconómico da investigación e a tecnoloxía matemáticas en España’.

O estudo, elaborado por Analistas Financieros Internacionales (AFI) e promovido desde a Rede Estratéxica en Matemáticas, conclúe que as profesións con alta intensidade matemática achegan á economía española o mesmo que o sector do turismo, e que a súa produtividade é ata un 50% superior á alcanzada noutras profesións sen intensidade matemática.

Así, destácase que as matemáticas participan de maneira transversal na actividade produtiva, xa que inciden sobre todos os sectores en tres ámbitos clave: no campo do deseño, modelaxe, simulación e prototipado de produtos; na optimización de procesos produtivos e de organización, e no ámbito da análise de datos.

A xornada A xornada inaugurarase ás 11.15 horas nun acto no que participarán a directora de ITMATI, Peregrina Quintela Estévez; a decana da Facultade anfitrioa, Elena Vázquez Cendón; e o profesor de Matemática Aplicada da USC e investigador adscrito de ITMATI, José Luis Ferrín González.

O encontro busca sensibilizar a industria, as institucións e a sociedade en xeral, achegando casos de éxito nos que as matemáticas teñen sido unha ferramenta clave de innovación na industria. Así, varios investigadores galegos darán a coñecer varias experiencias frutíferas como resultado da colaboración entre o mundo académico, en particular a Universidade, e o sector industrial.

Ao tempo, presentaranse as distintas vías de financiamento que unha empresa ten ao seu alcance para axudarlle a incorporar na súa estratexia as matemáticas como motor de innovación.

The contents of this page were updated on 06.06.2019.