Skip to main content

O simposio ‘Agroecoloxía, municipalismo e desenvolvemento rural’ cita máis de 60 participantes na Escola Politécnica Superior

López, Raigón, Besteiro, Bueno, Pérez e Cuesta, na apetura do simposio na EPS
López, Raigón, Besteiro, Bueno, Pérez e Cuesta, na apetura do simposio na EPS
Representantes dunhas 30 entidades de España e Portugal participan nas sesións de traballo dun foro que rematará coa visita á escola de agroecoloxía do Valadouro

O primeiro simposio ibérico ‘Agroecoloxía, municipalismo e desenvolvemento rural’ cita este venres e sábado na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC máis de 60 investigadores, técnicos e representantes de entidades e asociacións, agrupacións... de España e de Portugal, que aproveitarán este foro, pensado como un espazo aberto de encontro e debate, para intercambiar e poñer en común experiencias de vangarda en materia de municipalismo, desenvolvemento rural e transición agroecolóxica.

A temática deste simposio sintoniza en gran medida coas potencialidades da provincia e do campus de Lugo, segundo se puxo de manifesto este venres no acto institucional de apertura, unha sesión guiada polo vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo. Javier Bueno Lema subliñou neste senso que o desenvolvemento rural é un dos cometidos de boa parte das investigacións, proxectos e traballos desenvolvidos no campus de Lugo, cuxa programación de títulos de grao e posgrao tamén fai fincapé neste eido. O peso do sector agropecuario e do medio ambiente na provincia de Lugo foi outro dos argumentos esgrimidos polo presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, na apertura deste simposio, organizado pola USC en colaboración coa Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE) e a Rede de Municipios Terrae. Gómez Besteiro destacou neste senso que “o medio ambiente pesa e pesa moito na provincia de Lugo, como o proban as súas tres Reservas da Biosfera ou o crecente volume de fondos europeos captados ao longo dos últimos anos pola Deputación Provincial de Lugo para dinamizar os seus recursos naturais”. Os niveis de produción ecolóxica e a demanda deste tipo de produtos tamén está a medrar de xeito significativo na provincia de Lugo, sinalou Besteiro, que cifrou en preto de 6.000 as hectáreas de superficie dedicadas na actualidade a este tipo de cultivos na xeografía provincial. A presidenta da Rede de Municipios Terrae, Mercedes Pérez González, apuntou a agroecoloxía como unha posibilidade de xeración de emprego e riqueza, a partir da posta en valor e en produción do territorio. Pérez González subliñou ademais a responsabilidade que teñen as entidades locais e municipais na posta en marcha de iniciativas que posibiliten este tipo de accións que sempre redundan en beneficio das xentes da contorna, dixo. A presidenta da SEAE, María Dolores Raigón, tamén se pronunciou a prol de avanzar cara a transición ecolóxica nunha acto de apertura, no que tamén participaron a directora do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Elvira López Mosquera, e o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta. Programa O programa do simposio ibérico ‘Agroecoloxía, municipalismo e desenvolvemento rural’ presenta unha estrutura flexible e aberta á participación de todas aquelas persoas interesadas nesta temática. Daquela, os participantes inscritos, quedaron agrupados en tres mesas de traballo cuxas temáticas versarán sobre formación, comercialización e compostaxe. Unha vez rematadas as sesións programadas na xornada inaugural, os asistentes poderán participar, a partir das 20.00 horas, nunha visita guiada á Domus do Mitreo, seguida dunha actuación musical no auditorio da Casa do Saber. Un obradoiro práctico de ferramenta de de política e agroecolóxica local retomará o sábado 13 as sesións deste simposio no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, o mesmo escenario que acubillará, a partir das 13.00 horas, a presentación das conclusións acadadas logo do intercambio e posta en común das distintas experiencias e iniciativas desenvolvidas neste eido por parte das entidades participantes. Xa en quenda de tarde, os participantes neste simposio, cuxo peso da organización recaeu no profesor da Escola Politécnica Superior da USC e Vicepresidente da SEAE, Xan Neira Seijo, farán unha visita á escola de agroecoloxía que se vén de poñer en marcha no concello lugués do Valadouro. Particiapantes no I Simposio Ibérico Agricultura, Municipalismo e Desenvolvemento Rural

The contents of this page were updated on 12.12.2014.