Skip to main content

Alianza entre compañías xurdidas da USC dedicadas ao desenvolvemento de software científico

Alianza entre compañías xurdidas da USC dedicadas ao desenvolvemento de software científico
Alianza entre compañías xurdidas da USC dedicadas ao desenvolvemento de software científico
Software 4 Science Developments, MestreLab Researc e MD.Use Innovations desenvolverán unha nova aplicación para estudar propiedades moleculares de interese en diversas industrias

O estudo da estrutura e as interaccións entre moléculas a través de técnicas computacionais é o que une a tres compañías tecnolóxicas xurdidas da Universidade de Santiago que na actualidade están a buscar sinerxías entre a tecnoloxía que desenvolven cadansúa, complementaria entre si, para conseguir crear un software que complete os procesos que leva a cabo cada unha pero sen perder a súa propia identidade empresarial. Recentemente a spin-off da USC Software 4 Science Developments (S4SD), autora de AFFINImeter, un software pioneiro internacionalmente e que complementa as funcionalidades do que teñen por defecto os equipos de laboratorio, comezou a colaboración con MestreLab Research, unha compañía nacida no Departamento de Química Orgánica da USC –na que foi spin-off– que conta con recoñecido prestixio internacional grazas á súa experiencia no desenvolvemento de software de análise de espectros de Resonancia Magnética Nuclear. O seu produto estrela Mnova, con máis de setenta mil clientes, é un referente nos laboratorios de investigación químicos e farmacéuticos de todo o mundo. No caso de S4SD, emprazada no Edificio Emprendia e á cabeza da cal está o profesor da USC Ángel Piñeiro, o apoio da USC e do CESGA foi determinante na súa posta en marcha a través de asesoramento técnico, participación no desenvolvemento e soporte de cómputo dos cálculos requiridos por AFFINImeter. S4SD foi creada por membros do Grupo de Materia Branda e Biofísica Molecular da USC e especialízase no desenvolvemento de software científico e metodoloxías experimentais para aplicacións biolóxicas, biofísicas e químicas. Á colaboración entre estas dúas compañías xurdidas na Universidade, que se concreta no desenvolvemento dunha nova aplicación destinada ao estudo de propiedades moleculares de interese en diversas industrias, sumarase MD.Use Innovations, a piques de constituírse como spin-off da USC coa investigadora Rebeca García-Fandiño como promotora e que se dedicará á prestación de servizos de consultaría para a aplicación de simulacións computacionais de Dinámica Molecular como alternativa e complemento dos métodos experimentais tradicionais. Por outro lado, S4SD e MestreLab Research acordaron recentemente a entrada da segunda no capital da spin-off da USC, no que representa unha alianza estratéxica para as dúas empresas xa que a tecnoloxía de AFFINImeter é aplicable ás técnicas de RMN nas que MestreLab está especializada. Ángel Piñeiro nun laboratorio da Facultade de Física

The contents of this page were updated on 12.03.2014.