Skip to main content

Especialistas das tres universidades galegas conforman a rede Bioagua para tratar a problemática das augas doces contaminadas

Especialistas das tres universidades galegas conforman a rede Bioagua para tratar a problemática das augas doces contaminadas
Especialistas das tres universidades galegas conforman a rede Bioagua para tratar a problemática das augas doces contaminadas

Unha ducia de grupos de investigación das tres universidades galegas –oito de Vigo, catro de Santiago e un da Coruña– constituíron recentemente a rede Bioauga de biorremediación de augas doces contaminadas, na que participan especialistas de química analítica, inmunoloxía, microbioloxía, ecoloxía, física, bioprocesos, aproveitamento de materiais e hixiene e alimentación. A procura de sinerxías entre os grupos, a divulgación de información e novas sobre a problemática da auga e a procura de empresas e grupos noutros países son os obxectivos inmediatos da rede que coordina o profesor do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Jesús Torres, e que está a preparar varios proxectos europeos e con países do continente americano relacionados con microalgas e con biorremediación. Para tratar todas estas cuestións a rede reúnese este xoves e o venres no Hotel Talaso Atlántico de Oia nun encontro científico de traballo no que o membro do Grupo de Aplicacións enerxéticas sostibles da USC Joao Domínguez falará sobre o proxecto de sostibilidade enerxética que desenvolve o seu equipo en aldeas illadas de América.

A sesión do venres conta ademais coa intervención do xerente do Consorcio do Louro, Rufino Rodríguez, que exporá a problemática desde o punto de vista das estacións depuradoras de augas residuais e a rede hidrográfica galega, mentres que Carlos Casas, xefe de Calidade e Medio Ambiente de Ence, amosará o proceso da celulosa e os sistemas actuais de depuración no grupo. O representante do Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua), Alberto Sánchez, falará do tecido empresarial galego e o catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, José Luís Legido abordará os problemas das augas termais e de balnearios de Galicia.

The contents of this page were updated on 12.04.2014.