Skip to main content

A profesora Socorro Rodríguez Holguín tomou posesión como decana da Facultade de Psicoloxía

A profesora Socorro Rodríguez Holguín tomou posesión como decana da Facultade de Psicoloxía
A profesora Socorro Rodríguez Holguín tomou posesión como decana da Facultade de Psicoloxía

A profesora do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía Socorro Rodríguez Holguín tomou posesión este martes como decana da Facultade de Psicoloxía nun acto protocolario que presidiu o reitor Juan Viaño no Colexio de San Xerome. O seu equipo complétase con Mariela Resches Zlotik como secretaria e coas vicedecanas Paula Villar Torres e Isabel Fraga Carou. A decana, que xa ocupara este cargo no período 2006-2010, falou no seu discurso das condicionantes que as circunstancias actuais económicas, pero non só, impoñen á hora de afrontar os retos, de presente e de futuro, do centro e da Universidade. Aludiu ás dificultades que para a organización da oferta académica da Facultade está a supoñer o control “intervencionista do poder político sobre decisións e procesos de índole estritamente académica”. Socorro Rodríguez, que destacou a elevada demanda e os satisfactorios resultados académicos das titulacións adscritas á Facultade, fixo tamén referencia ás prácticas externas, aos problemas para unha adecuada organización da docencia práctica e dos traballos de fin de grao e de máster e á “progresiva precarización no cadro de persoal que se está a producir como consecuencia das restricións económicas”. Ademais, aproveitou o acto para volver reclamar o quinto título co que se cubriría toda a especialización, o mestrado en Psicoloxía Educativa, e polo que levan tres anos agardando. Pola súa banda, o reitor cualificou de “modélico, cuns indicadores de calidade claros e contundentes” o centro que volve dirixir a profesora Rodríguez. “Sen dúbida –dixo– unha das facultades máis prestixiosas da nosa universidade e do estado español”. Sumándose ademais á vontade expresada pola decana, Viaño pediu a colaboración de todos e todas para conseguir superar os retos aos que se enfronta a institución. Rodríguez Holguín A nova decana é profesora titular da Área de Psicobioloxía. É doutora en Psicoloxía dende 1996 e imparte clases de Neurociencia Cognitiva no grao de Psicoloxía, no Máster de Neurociencia e no programa de doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica. Forma parte do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva e Afectiva da USC e actualmente investiga sobre as consecuencias neurocognitivas do consumo de alcohol en mozos e mozas. O reitor e a secretaria xeral posan co novo equipo decanal de Psicoloxía (Foto: SERVIMAV)

The contents of this page were updated on 12.09.2014.