Skip to main content

A Facultade de Ade e as escolas universitarias de Enfermaría e Relacións Laborais celebran este venres os actos de fin de grao

Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC
Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC e as escolas universitarias de Enfermaría e Relacións Laborais da sede universitaria luguesa celebrarán este venres os seus respectivos actos de graduación das promocións de estudantes que completaron a formación de grao no período comprendido entre 2015 e 2019.

Administración e Dirección de Empresas

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC celebrará este venres 7 de xuño, a partir das 18.30 horas, na Aula Magna do centro universitario, o acto de graduación da promoción de estudantes que completaron o título de grao en Administración e Dirección de Empresas no período 2015-2019.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidirá este acto académico, no que, ademais dos representantes de alumnos e alumnas da nova promoción de titulados, tamén intervirán a decana da Facultade de Ade da USC, Begoña Barreiro Fernández, e o presidente do CB Breogán, Jesús Lázare, que actuará como padriño dos futuros egresados e egresadas do centro.

Enfermaría

A Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo da USC celebrará este venres 7 de xuño, a partir das 18.00 horas, no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Agusti (Hula) o acto de fin de grao da sétima promoción de futuros enfermeiros e enfermeiras egresados do centro universitario lugués.

Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, presidirá esta sesión académica, no marco da que a ex profesora da Escola de Enfermaría de Lugo María Jesús Regueiro Burgo ofrecerá o relatorio ‘Mirando o pasado para ofrecer futuro’.

O xerente de Xestión integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, Ramón Ares Rico; a directora da Escola de Enfermería do campus de Lugo da USC, Asunción Núñez Magdalena; a decana da Facultade de Enfermaría de Santiago, Ana Silveira Rodríguez; a directora de Procesos de Enfermaría da EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lourdes Bermello López, e Mª Rosa Fernández Doallo, que actuará como madriña da promoción, completan a quenda de intervencións.

Unha vez rematada a entrega de diplomas e insignias aos futuros titulados e tituladas en Enfermaría, María Castelo Darriba e Lucía Castro Rodríguez intervirán na sesión en representación da promoción 2015-2019. A sesión académica chegará ao seu colofón cun concerto a cargo da coral do Hula.

Relacións Laborais e Recursos Humanos

A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo da USC celebrará este venres 7 de xuño, a partir das 19.00 horas, no salón de actos do Complexo Docente, o acto de graduación da promoción de estudantes que completaron os estudos do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos no período 2015-2019.

A vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, presidirá esta sesión académica, no marco da que a profesora María Gómez Barreiro actuará como madriña dos 27 estudantes desta nova promoción de graduados. A directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais, Mercedes Montes Rodríguez, e o presidente da Fundación Campus, Jaime López, tamén intervirán neste acto, unha sesión académica na que tamén estarán representados o Colexio de Graduados Sociais de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo.

The contents of this page were updated on 06.06.2019.