Skip to main content

Catro novos cursos da Universidade de Verán dan comezo este luns

Catro novos cursos da Universidade de Verán dan comezo este luns
Catro novos cursos da Universidade de Verán dan comezo este luns
O de coaching educativo de Santiago bateu a marca de persoas inscritas nos cursos de verán dos últimos 20 anos

A Universidade de Verán da USC inaugura este luns, 21 de xullo, catro novos cursos de verán, dous en Lugo, un en Santiago e outro no Courel. En Compostela darán comezo ás 9.30 horas na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) as I Xornadas de verán de coaching educativo: educación emocional que dirixen Beatriz García Antelo e Nelly Rey Rey e que bateu a marca de persoas inscritas nos cursos de verán da USC dos últimos 20 anos. No curso, que se estenderá ata o martes 22, tratarán de abordar a perspectiva do coaching educativo como disciplina que axuda a potenciar as competencias individuais, favorece procesos de cambio e posibilita a resolución das dificultades e dos conflitos entre pares, o que produce un cambio de motivación e a xeración de actitudes positivas. Lugo En Lugo a USC botará a andar o luns o curso ‘ Onde atopar traballo no eido da Enxeñaría Industrial’ dirixido por Francisco Fraga e Jorge Rivera, e organizado en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo. Nel distintos especialistas tratarán os aspectos máis novos dos nichos de traballo en peritaxes e proxectos, fundamentalmente en proxectos en actividades en naves industriais e locais de concorrencia pública. As posibilidades para desenvolver o traballo fóra de España será outro dos asuntos abordados neste curso de verán, que tamén analizará as opcións de empregabilidade que poden ter os enxeñeiros industriais no sector estratéxico das enerxías renovables e non renovables. O inspector de Repsol Juan José Rodríguez abrirá ás 9.30 horas na Facultade de Ciencias os relatorios dunhas xornadas na que tamén intervirán José Antonio Galdón Ruiz, presidente do Consello Xeneral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos Industriais, que falará sobre as acreditacións profesionais; o director xeneral de Begasa, Luis García Santalla, que disertará sobre a oferta de traballo de enxeñaría no sector enerxético, ou o presidente do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera. Dirixido por Mª Lina Iglesias Forneiro e Mª Asunción Fernández Puentes, tamén o luns, ás 9.00 horas no Colexio Fingoi, se inaugurará o I Curso de educación emocional. Xogar, sentir e medrar. O crecemento emocional na infancia dende unha perspectiva sistémica. Aspectos teóricos e propostas educativas para Educación Infantil (0-6 anos)'. O principal obxectivo é sensibilizar ao profesorado de Educación Infantil e aos futuros mestres e mestras da necesidade de incorporar unha nova mirada sobre a infancia e sobre como levar a cabo intervencións desde unha perspectiva que contribúa ao benestar emocional dos nenos e das nenas e a un desenvolvemento harmónico e saudable. Seoane do Courel A Estación Científica do Courel, un centro da USC emprazado en Seoane do Courel, acubillará a partir do luns as distintas sesións programadas no marco do curso ‘ Alternativas de desenvolvemento rural en áreas de alto valor ambiental: Modelos e experiencias aplicables á Serra do Courel’, un programa dirixido polo profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Manuel Antonio Rodríguez Guitián, quen abrirá o día 21, a partir das 10.00 horas, a quenda de relatorios cunha intervención sobre os valores naturais da Serra do Courel. Os obxectivos deste seminario estival da USC pasan por favorecer o intercambio e a actualización de información relativa a estratexias existentes de desenvolvemento sostible en espazos rurais de alto valor ecolóxico e cultural. A sensibilización sobre as alternativas que xa se están a desenvolver noutras áreas con características semellantes é outro dos cometidos dos organizadores deste curso, que rematará o 23 de xullo.

The contents of this page were updated on 07.18.2014.