Novo recoñecemento dos premios Ciencia en Acción para o profesor da USC José Edelstein
<<Fagamos un experimento. Imaxinemos que nos situamos a certa distancia dunha superficie plana, unha parede branca e limpa. Entre nós e a parede interpoñemos un panel negro, que non nos deixa ver nin un pouco do que está detrás. Agora realizamos un corte no panel, dúas fendas delgadas, verticais e paralelas entre si. A través delas, claro, vemos dous finos trazos da superficie nívea. Situámonos de maneira que as fendas estean dispostas simetricamente. Sacamos unha metralladora de pequenas boliñas de pintura vermella, e cos ollos vendados disparamos unha caudalosa raxada, como Tony Montana en Scarface. “Say hello to my little friend!”& gt;>. Así comeza o artigo que o profesor da Facultade de Física da USC José Edelstein e o seu colaborador Andrés Gomberoff, da Universidad Andrés Bello de Chile, publicaron na revista Qué Pasa e que lles valeu unha Mención de Honra na modalidade de Traballos de Divulgación Científica en Medios de Comunicación dos premios Ciencia en Acción. O xurado valorou a “magnífica capacidade” do artigo ‘Un asunto de traxectoria’ para divulgar a física cuántica entre un público xeral “facendo captar a atención e o asombro do lector". O texto explica o experimento no que Richard Feynman baseou a súa tese de doutoramento e que, segundo os autores, “se transformou nunha icona na comprensión do mundo microscópico”. Outros recoñecementos Non é esta a primeira vez que Ciencia en Acción premia un traballo do profesor Edelstein. O pasado ano recibiu tamén a mención de honra pola serie de artigos divulgativos presentados na mesma revista (‘ El eclipse y la mariposa’ e ‘ Nada fascinante’) asinados xunto con Andrés Gomberoff e dos que o xurado destacara “a súa capacidade de achegar temas de actualidade da física moderna dun xeito atractivo e ameno, sen perder o rigor científico”. A pesar da distancia Edelstein e Gomberoff colaboran dende hai anos na elaboración de traballos de divulgación científica colleitando numerosos outros recoñecementos. Así, o CPAN premiounos en 2010 polo artigo ‘Antimateria, maxia e poesía’ –recoñecido tamén en 2012 no certame de comunicación científica da FECyT– e un ano máis tarde por ‘Ópera do neutrino en dous actos’. Ciencia en Acción A iniciativa Ciencia en Acción, que xa vai pola décimo quinta edición, pretende aproximar a ciencia e a tecnoloxía ao gran público dunha maneira dinámica, fácil e amena. Está convocada polo CSIC, o Instituto de Ciencias Matemáticas, a Real Sociedade Española de Física, a Sociedade Xeológica de España e a Uned.