Skip to main content

Territorio e paisaxe e a peregrinación de San Francisco a Santiago, temáticas dos cursos de verán que se inauguran este mércores

Territorio e paisaxe e a peregrinación de San Francisco a Santiago, temáticas dos cursos de verán que se inauguran este mércores
Territorio e paisaxe e a peregrinación de San Francisco a Santiago, temáticas dos cursos de verán que se inauguran este mércores

A Universidade de Santiago prosegue coa programación dos seus cursos de verán. Así, este mércores 16 inauguraranse as 'VII Leccións Xacobeas Internacionais na USC: a tradición da peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela' en Santiago e o curso 'Territorio e paisaxe' en Guitiriz. Dirixidas por Miguel Taíz Guzmán, dende a súa primeira edición en 2007 as Leccións Xacobeas achegan os resultados das investigacións senlleiras sobre a temática xacobea, nesta ocasión a peregrinación de San Francisco a Compostela . A inauguración será ás 9.00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, e nela participarán a directora da Axencia de turismo da Xunta de Galicia, María Nava Castro, e o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López. O curso conta cunha sección de miscelánea e un día (venres 18) dedicado ao 800 aniversario da peregrinaxe do santo de Asís a Santiago. Este ano asisten como convidados internacionais Paolo Spolaore, investigador do Centro Italiano de Studi Compostellani na Universidade de Perugia, que tratará os inicios do culto xacobeo en Venecia e a súa rexión; Manuel Vaquero Piñeiro, da mesma universidade, que falará sobre os aspectos socio-económicos do hospital de Santiago dos Españois en Roma; e Alessio Assonitis, director de The Medici Archive Project, Archivio di Stato de Florencia, que repasará o patrocinio e devocións da familia Medici e as súas peregrinacións a santuarios da Toscana. Dende Alemaña chega o profesor da Universidade de Kiel Javier Gómez Montero, que presenta o patrimonio literario e lingüístico do Camiño. Entre o profesorado compostelán figuran Arturo Iglesias, técnico no Arquivo da Catedral de Santiago, que dará a coñecer as competencias do Cabido relativas á peregrinación xacobea, e Francisco Javier Novo, que falará das iconografías, devocións e a presencia do fenómeno xacobeo no mobiliario litúrxico da catedral de Tui. A xornada dedicada a san Francisco iniciarase coa profesora de Historia da Arte Dolores Fraga Sampedro, tratando as tradicións e imaxes da peregrinación do seráfico santo a Santiago. Continuará coa visita guiada á exposición “Peregrino novo apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago” e rematará coa presentación e análise da restauración do convento e monumento de San Francisco. Guitiriz O curso de Guitiriz, 'Territorio e paisaxe', inaugurarase ás 10.30 horas na Casa Habanera baixo a dirección de Roxelio Pérez Moreira. No encontro dialogarase sobre eses dous conceptos, que aínda diferentes a miúdo se usan indistintamente por canto os seus límites son ás veces difusos. Dunha parte, explican, está a realidade física, material e obxectiva, e da outra estaría a percepción sensitiva, emocional e subxectiva. Das diferentes disciplinas que se serven destes conceptos dun xeito polivalente tratará o curso que remata o día 18.

The contents of this page were updated on 07.15.2014.