Skip to main content

Estudan en setembro a prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI

Estudan en setembro a prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI
Estudan en setembro a prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI

Do 1 ao 4 de setembro desenvolverase na Facultade de Dereito a cuarta edición do curso de verán ‘ A prestación dos servizos sanitarios ante os retos do século XXI’ que dirixen as profesoras Belén Trigo García e Amalia Puga Martínez. Neses catro días especialistas de ámbitos relacionados coa xestión sanitaria tratarán en diversos relatorios cuestións como os hábitos de consumo e saúde, concretamente no referido a obesidade e etiquetas nutricionais; a cultura da calidade nas organizacións sanitarias, con especial atención ao modelo do SERGAS; o impacto da medicina xenómica na asistencia e investigación sanitaria; os aspectos ético-legais do manexo de datos xenómicos na relación con doentes e familias; ou o dereito antidiscriminatorio e o acceso aos servizos sanitarios. A calidade e seguridade dos servizos sanitarios desde a perspectiva do doente, o rexeitamento á transfusión por motivos relixiosos ou a persoa maior como usuaria dos servizos sanitarios son outros dos temas que se tratarán neste curso, que contará ademais cunha mesa redonda sobre os pacientes con discapacidade e un videofórum diario a cargo do investigador de Dereito Civil da USC Miguel Vieito. Entre o claustro de relatores e relatoras figuran a subdirectora xeral de Atención ao Cidadán e Calidade do Servizo Galego de Saúde, a presidenta da asociación El Defensor del paciente, o xefe de Laboratorio da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o director asistencial do Hospital San Rafael da Coruña, o coordinador da Unidade de Pluripatoloxía e Idade avanzada do CHUS, o secretario xeral da COGAMI ou a secretaria da Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia, ademais de docentes e persoal investigador da USC.

The contents of this page were updated on 07.22.2014.